Batman, Drácula e Sonic destacan nos Xogos con Gold de marzo

mércores, 26 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Dá a impresión de que, coa vista posta na vindeira xeración de consolas, as compañías de videoxogos queren que os usuarios vexan con mellores ollos os servizos de subscrición, e así temos que a oferta de Xogos con Gold do mes de marzo ten un nivel bastante elevado, deixando así un bo sabor de boca que pode animar a moitos a manter as súas subscricións de pagamento a Xbox LIVE Gold ou Xbox Game Pass Ultimate.
Os xogos para Xbox One que chegarán en marzo serán, inicialmente a aventura gráfica Batman: The Enemy Within, que inclúe os 5 episodios desta historia de Telltale Games que colócanos na pel de Bruce Wayne/Batman, que terá que protexer a cidade de Gotham da ameaza de The Riddler; completa o mes Shantae: Half-Genie Hero, título de plataformas que por primeira vez na súa serie conta con gráficos en alta definición.
Pero os pratos fortes son os xogos de Xbox 360 que poden xogarse en Xbox One grazas a retrocompatibilidade, e que serán Catlevania: Lords of Shadow 2 (unha das entregas da franquía de Konami que desenvolveu o estudio español MercurySteam) e Sonic Generations (o xogo do ourizo azul de SEGA que chega cando o personaxe ten película nos cines, resultando moi oportuno).

Sonic Generations chega aos Xogos con Gold nun momento moi oportuno

PUBLICIDADE