Barrán estrea nova web e unha plataforma de aloxamento na nube

xoves, 8 de maio do 2014 Redacción

O Grupo Barrán, empresa de Compostela con longa experiencia en materia de desenvolvemento, programación e formación arredor do software libre, está a presentar estes días unha serie de novidades relativas a múltiples aspectos da súa actividade. Por unha banda, a firma que dirixe José Barrán ten entre mans unha nova páxina web, lanzada oficialmente este mércores 7 de maio co obxectivo de facilitar ao máximo a navegación entre usuarios e visitantes xeral, ceibando o sitio en cuestión de todo aquel atranco que se poida interpor entre o internauta e o contido que require.
A web salienta tamén polo seu novo deseño, “un gran cambio de imaxe para favorecer o acceso aos nosos produtos e servizos así como o coñecemento da nosa empresa e as cousas que facemos”, cóntanos José Barrán.
Por outra banda, a firma de Santiago tamén deu a coñecer este mércores 7 de maio un servizo novo que responde polo miúdo ás demandas de externalización de boa parte das nosas empresas e profesionais, unha demanda que todo indica que vai ir a máis agora que se consolidan a necesidade de optimizar negocios e a idoneidade das novas tecnoloxías de vangarda para facelo. Falamos de Espín Cloud, plataforma de aloxamento na nube desenvolvida por Barrán e aloxada en cloud.grupobarransl.net. A ferramenta lánzase cunha promoción a ter moi en conta: a empresa oferta a todos aqueles que se rexistren na plataforma durante este mes un servizo totalmente de balde por estar en fase de probas. Entre outras cousas, poderán gozar gratis dun espazo de seu de cinco Xb.
Para rematar, Barrán tamén presentou esta semana unha nova actividade formativa para desenvolver nos meses vindeiros, máis polo miúdo a partir de setembro. Trátase do curso Administración de sistemas e redes, certificado de profesionalidade que abrangue unha duración de nove meses divididos en 3 trimestres, máis outros 3 meses de formación en centros de traballo. Como novidade, Barrán destaca que a todo o alumnado que se matricule dotaráselle dun computador persoal para facilitar o seguimento do curso, equipo que non terá que devolver ao remate da actividade formativa. Para solicitar praza no curso habilitarase nos vindeiros días a páxina grupobarransl.net/formacion. Mentres, os que así o desexen poden solicitar información ou praza a través do enderezo info@grupobarransl.net. Salientar tamén cabe destacar que o curso realizarase de xeito presencial e paralelo en Santiago de Compostela e A Coruña.

PUBLICIDADE