Barbanza Arousa lanza unha plataforma online para contribuír á recuperación do sector turístico local

xoves, 10 de decembro do 2020 S. P.

A Mancomunidade Barbanza Arousa, ao abeiro da súa liña de colaboración con entidades públicas e privadas para promover o destino da nosa comarca, vén de pór en marcha unha plataforma de comercialización turística a disposición dos empresarios do sector dos concellos que integran a entidade: a plataforma Venda Cruzada.
A iniciativa, que foi presentada este xoves nos seus detalles no Consistorio de Boiro, é unha resposta ás serias dificultades polas que está a pasar o empresariado turístico dende o comezo da crise sanitaria. A plataforma para a distribución de produtos e servizos estará a disposición do sector, a xeito de gran escaparate virtual, na páxina web da Mancomunidade.
Entre os obxectivos de Venda Cruzada tamén se inclúen os seguintes: achegar recursos aos nosos establecementos para que poidan captar novos clientes e mantelos no tempo e, tamén, para incrementar as estadías medidas dos visitantes-viaxeiros.
O usuario que acceda á páxina dun aloxamento poderá visualizar tamén toda a oferta de actividades e reservalas desde ese mesmo sitio web e viceversa. “Por tanto é un aliciente para prolongar as estadías e achegarlle valor á experiencia”, explicouse na presentación, na que participou José Ramón Romero, vogal da Mancomunidade Barbanza Arousa e alcalde de Boiro, quen desculpou a ausencia do resto da directiva da Mancomunidade, que non puido participar nesta rolda de prensa debido ao peche perimetral deste Concello.
Romero quixo animar ás empresas a que “se unan a esta iniciativa de comercialización e de cooperación conxunta para mostrar a riqueza de Barbanza Arousa”. Amais, lembrou que “son intres difíciles e de incerteza e que é o momento de prepararnos para ser máis competitivos, de apoiarnos mais que nunca e cooperar”.

PUBLICIDADE