Baralla pecha fileiras cos concellos que reivindican os seus nomes de lugar a través da aplicación Toponimízate

luns, 13 de outubro do 2025 S. P.

A comarca dos Ancares está sendo un dos obxectivos prioritarios neste ano 2025 da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, no marco da cal desenvolveuse unha sesión de divulgación, o pasado 6 de outubro, en Cervantes (pola mañá) e en Baralla (pola tarde). Á segunda das citas acudiron moitos amantes da toponimia e do patrimonio inmaterial desta comarca, que tivo lugar no Centro Sociocultural e Xuvenil e foi introducida polo alcalde do concello, Miguel González Piñeiro.
A boa participación veu dada polo interese do Goberno local de Baralla e da comunidade escolar e docente do CPI Luís Díaz Moreno de recoller o patrimonio topónimo a través dos novos dispositivos antes de que se siga perdendo.
De feito, á sesión acudiu a profesora de lingua e literatura galega do centro, Mercedes Fernández Méndez, que mostrou a súa dispoñibilidade para uniren esforzos coa administración local e procuraren vías de colaboración neste sentido.
Tamén estiveron presentes veciños que levan anos reivindicando a toponimia de Baralla como, por exemplo Eduardo Álvarez, coñecido como Eduardo do Costureiro. El foi un dos protagonistas do capítulo da serie Os nomes da nosa terra que se gravou na parroquia de Penarrubia. Na charla participou ademais a profesora de galego Ana Ayán Álvarez, nativa da parroquia de Covas, que está a mobilizar persoas dentro do seu concello para que se poñan mans á obra.
Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada encargado de impartir as charlas Toponimízate, procurou desde o comezo da súa intervención pór en valor a importancia dos nosos nomes de lugar como patrimonio cultural inmaterial, un patrimonio que esmorece de forma acelerada en concellos cun forte despoboamento coma é o caso de Baralla. Para recoller de forma colaborativa estes nomes de terras, montes, penedos, fontes, regatos... explicoulles ás persoas presentes o funcionamento da aplicación para dispositivos Galicia Nomeada: como solicitar unha conta, como introducir un topónimo, como enviar suxestións...
A charla pechouse cun dos momentos máis esperados nos encontros Toponimízate, a exposición da orixe e significado dos nomes parroquias e aldeas existentes no territorio do concello. Neste punto do relatorio, parte do público reivindicou a denominación antiga do concello, Neira de Xusá, que estivo vixente desde 1840 ata 1975, data en que mudou á forma actual Baralla.
A Sala de Cultura da Casa do Concello de Mondariz Balneario será o punto de reunión dos amantes da toponimia deste concello pontevedrés e do seu veciño, Mondariz. A cita, o venres 17 de outubro a partir das 19.30 horas.
Toponimízate
Dende o ano 2017, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (Secretaría Xeral da Lingua) e a Real Academia Galega (RAG) están ofrecendo charlas divulgativas por medio do programa Toponimízate en concellos, colexios, asociacións culturais e centros de maiores sobre o valor cultural da toponimia galega e a necesidade de colaborar na súa recolleita a través da plataforma Galicia Nomeada.
Esta campaña informativa ten como obxectivo principal concienciar a cidadanía do risco que ten de perderse esta parte tan importante do noso patrimonio inmaterial co fin de involucrar a xente que asiste ás charlas na súa salvagarda. Nos relatorios explícase polo miúdo o uso da aplicación móbil colaborativa Galicia Nomeada, así como a rendibilidade que se lle pode tirar a esta capa de información cultural unha vez que está xeorreferenciada e normativizada. Ademais, tamén se expón de forma divulgativa o significado dos topónimos maiores (parroquias e aldeas) do concello onde se imparte a charla.
As referidas sesións divulgativas tiveron moi boa acollida nos máis de 90 concellos galegos onde se realizou ata agora esta actividade e prevese continuar con esta liña de actuacións para fomentar a participación cidadá no proxecto Galicia Nomeada.