Balidea sumouse á celebración do Día das Rapazas nas TIC

venres, 25 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Este xoves, como lembramos en Código Cero, celebrouse o Día Internacional das Mulleres na TIC, conmemoración á que se sumou o CESGA co seu Día das Rapazas nas TIC. Pois ben, amais da participación activa do Centro de Supercomputación de Galicia, houbo máis mostras de compromiso por parte das nosas entidades e empresas. Como por exemplo a de Balidea, cuxas profesionais sumáronse a unha data dende a que se trata de visualizar e amosar (por unha banda) as posibilidades do sector tecnolóxico-dixital para as mulleres e (pola outra) o importante labor que teñen despregado as mulleres no impulso da Sociedade do Coñecemento e das tecnoloxías.
As mulleres de Balidea lembran que a empresa está a achegar un vídeo realizado co obxectivo de amosar o día a día de traballo da oficina e que formará parte do proxecto europeo ICT-Go-Girls! que coordina o CESGA e que ten como finalidade aumentar o interese das estudantes polas TIC. Segundo informan dende a compañía galega, hai moito traballo que facer neste ámbito da paridade e da igualdade profesional nas novas tecnoloxías. Ao xuízo das traballadoras e traballadores da empresa, “os estereotipos de xénero seguen sendo a ser cruciais á hora de decidir a carreira e o futuro profesional que unha persoa propón ao rematar os estudos de secundaria; unha realidade que lonxe de ser unha peculiaridade dun territorio concreto, é aplicábel ao conxunto do planeta”.
Coa arela de combater esta realidade naceu precisamente o proxecto europeo ICT-Go-Girls!, dirixido ás rapazas estudantes de secundaria, co fin de proporcionarlles unha imaxe máis atractiva do mundo das tecnoloxías. O proxecto, coordinado polo CESGA, conta tamén co apoio de Balidea, cuxas profesionais “quixeron formar parte del en parte polo que ten de convocatoria para todos os actores relevantes deste ámbito, desde escolas, universidades e profesionais da investigación ata as empresas do sector”. A concorrencia de Balidea na iniciativa está a materializarse en feitos como o devandito vídeo de presentación, unha achega audiovisual que abre Mila Rey facendo unha presentación da realidade da compañía, na que salienta que está formada por preto de 200 profesionais dos que boa parte dos cales son mulleres.
No vídeo pódese comprobar que os camiños que levan a recalar no mundo das TIC poden ser moi variados, “ao mesmo tempo que se desmontan os estereotipos de frikis ou asociais existentes cara os profesionais da informática xa que, polo contrario, un dos aspectos que máis se valora no desenvolvemento dos proxectos é o traballo en equipo”, sinálase no mesmo. Asemade, saliéntase que no día a día das profesionais de Balidea “non hai lugar para o aburrimento, xa que a diversidade de tarefas e a aprendizaxe constante fan desta unha profesión moi recomendábel”.

PUBLICIDADE