Balidea remodela o portal da área educativa do Concello da Coruña

mércores, 3 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña vén de lanzar o seu novo portal, un sitio online con meirandes facilidades de uso e navegación e cunha vontade de aproximar os contidos ao conxunto da comunidade educativa e a cidadanía. O portal foi desenvolvido pola empresa tecnolóxica Balidea, con sede principal en Santiago, que xa se ocupa da xestión do espazo dixital previo. Os traballos de remodelación levados a cabo procuraron a consecución dun sitio máis intuitivo, máis visual e máis versátil, “adaptado a todo tipo de dispositivos móbiles”. A este deseño responsive engádese a arela de “responder ás necesidades das persoas usuarias”.
O portal, informa Balidea, integrouse no sistema de webs do Concello da Coruña, xerándose unha maior coherencia e familiaridade na presentación da información. Segundo explica a empresa, “esta integración achegou varias vantaxes”, tanto a nivel técnico (emprégase o mesmo sistema de xestión de contidos -CMS- ca no resto do ecosistema web municipal, “o que facilita o mantemento técnico e a seguridade”) coma de contidos e tratamento da información (que fai posíbel o aproveitamento e reutilización de recursos xerados noutras áreas municipais).
Con respecto ao deseño e a usabilidade, Balidea engade que se optimizou a navegación cunha feitura e unha estrutura coherente cos demais portais do concello.
A nova web estrutúrase en seis seccións principais. A primeira delas reúne todos os programas educativos, permitindo filtrar segundo intereses e facilitando os procesos de inscrición. Por outra banda, hai unha sección nova que inclúe un buscador de todos os centros educativos da cidade, con información actualizada do proceso de admisión en todos os sostidos con fondos públicos e un mapa das zonas de influencia dos colexios públicos e concertados.
O espazo adicado á Rede de Escolas Infantís Municipais presenta como novidade a posibilidade de asociar con maior facilidade noticias e eventos a cada escola.
Por último, cómpre salientar o apartado de participación (que recolle a información sobre o Consello Escolar Municipal e os representantes municipais en consellos escolares); e o de ferramentas, que facilita o acceso a diferentes utilidades para centros escolares.

PUBLICIDADE