Balidea, provedora do Concello de Copenhague

xoves, 10 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A firma santiaguesa Balidea, referente servizos e ferramentas avanzadas do ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), informou hoxe dunha relevante incorporación á súa carteira internacional de clientes: a recente incorporación do Concello de Copenhague, entidade local coa que colabora a empresa galega dende hai meses e coa que ten asinado un contrato de traballo para os vindeiros catro anos.
Segundo sinala a empresa compostelá, o traballo despregado por Balidea en materia de optimización, posta a punto e desenvolvemento cobra especial significado se temos en conta a longa listaxe de espazos web e ferramentas coas que conta a devandita institución dinamarquesa. A cifra non é desprezábel: dispón de máis de 300 sitios web para prestar todo tipo de servizos aos seus empregados e á cidadanía.
O obxecto do contrato con Balidea abrangue desde os servizos de consultoría TIC até a optimización da solución web de atención ao cliente, mantemento, soporte e desenvolvemento da contorna web, actualización a Drupal 8, ferramentas de colaboración e xestión de proxectos na intranet do cliente e implementación dunha intranet personalizada e baseada en data.
Asemade, o proxecto cobre todos os departamentos da institución (inmigración, deporte, cultura, infancia, contabilidade, etc). Para a súa posta en marcha e execución Balidea conta coa colaboración dun socio local: Kruso.

PUBLICIDADE