Balidea presenta tecnoloxía intelixente para a construción sustentábel en madeira

martes, 28 de xullo do 2020 S. P.

Balidea presentou este mes de xullo o prototipo da ferramenta intelixente do Grupo Operativo Madera Construcción Sostenible (GO Madera). E fíxoo o pasado 23 no marco da celebración online dos Encontros Multisectoriais, en cuxa última sesión o responsábel técnico da compañía TIC da nosa terra, Felipe Rivero de Aguilar, deu a coñecer os detalles do proxecto, no que é socio Balidea, amais dos resultados ambientais e técnicos obtidos polo Grupo Operativo ao abeiro desta iniciativa tecnolóxica. Segundo fixo saber Rivero de Aguilar, dende Balidea e GO Madera realizouse un detallado traballo de análise para poder trasladar as complexas estruturas dos datos dos produtos e solucións construtivas a unha contorna web que puidera ser aproveitada polo maior número de usuarios finais. O obxectivo, dixo, “é que esta ferramenta sirva para axudar na toma de decisións sobre futuros proxectos arquitectónicos”.
A ferramenta intelixente, engadiu, consiste nun buscador para a selección de produtos e solucións de madeira destinados á construción, que contén información técnica e ambiental dos mesmos: “As procuras pódense facer mediante palabras clave ou seleccionando filtros atendendo a certas características, xa se estea buscando un produto ou unha solución construtiva; unha vez elixido o produto ou solución, facilítase unha ficha con todos os datos técnicos”, explicou o responsábel técnico de Balidea, engadindo que no caso das solucións construtivas “móstranse os produtos relacionados, con diferentes variacións, mesmo con materiais que non son de madeira”.
Rivero de Aguilar tamén explicou que para simplificar o manexo e “acadar un total entendemento por parte dos usuarios”, optouse por un deseño limpo e contemporáneo da ferramenta, optimizándoa para poder ser consultada dende calquera dispositivo.
A aplicación estará dispoñíbel na web www.maderia.es, de balde, para a súa libre consulta e utilización.

PUBLICIDADE