Balidea pon a punto a web da Oficina de Seguridade do Internauta

luns, 21 de novembro do 2016 Redacción

A empresa galega Balidea vén de desenvolver a optimización e posta a punto do portal web da Oficina de Seguridade do Internauta (OSI) do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE). O labor materializouse, en palabras de Balidea, nunha versión na que prima a marxe de uso a, accesibilidade, a proximidade e a sinxeleza para o usuario. Entre outras melloras con respecto ao anterior, realizouse unha migración completa á versión máis actualizada do sistema de xestión de contidos Drupal. Así mesmo, optimizouse o seu deseño para unha visualización adaptada a todo tipo de dispositivos (computadores persoais, móbiles e tabletas). Tamén se fixeron cambios para “cumprir con todas as esixencias de seguridade requiridas polo INCIBE”.
Segundo nos conta Balidea, o sitio web en cuestión ten unha funcionalidade dupla. Por unha banda proporcionar información e, pola outra, facilitar o soporte preciso para evitar e resolver os problemas de seguridade que poidan existir ao navegar por Internet. Para o primeiro, o espazo dispón dunha parte informativa e instrutiva que fornece datos salientábeis e consellos sobre “todo aquilo que é preciso coñecer para obter unha protección axeitada cando navegamos: seguridade nos diferentes tipos de dispositivos, na información persoal que achegamos, nas redes Wi-Fi, os tipos de fraude na Internet, etc”. A segunda vertente vén da man dun servizo de axuda e soporte a través do cal os usuarios poden facer todo tipo de consultas sobre seguridade na Rede, así como reportar posíbeis fraudes. Para facilitar esta colaboración a OSI pon á súa disposición un formulario de contacto e de alta de incidentes, así como un número de Atención Telefónica ao Internauta.
Segundo lembra Balidea, o novo portal da OSI conta tamén cun apartado que ten como obxectivo manter ao día ao usuario en materia de seguridade na Internet. Nel recolle avisos de seguridade relativos a correos electrónicos fraudulentos, campañas de propagación de malware, roubos masivos de credenciais ou contrasinais, fallos de seguridade de ferramentas ou actualizacións importantes de aplicación. Asemade, incorpórase un blog de actualidade con novas sobre a OSI e artigos ao redor de temas destacados sobre novas tecnoloxías e seguridade. Por último, adica unha sección para denunciar casos reais de persoas que foron vítimas dalgún tipo de fraude a través da Rede.

PUBLICIDADE