Balidea impulsará tres proxectos de eSaúde e green IT coa axuda de Conecta PEME

luns, 3 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Balidea vén de acadar tres axudas para proxectos innovadores dos eidos da eSaúde (medicina, tratamentos, coidados e atención optimizadas con novas tecnoloxías) e medio ambiente. En termos máis concretos, as axudas do programa Conecta PEME de GAIN permitiranlle á firma de Santiago seguir avanzado nunha serie de camiños que xa mantiña abertos con iniciativas previas e que collen impulso agora cos seguintes obxectivos: axudar ás persoas doentes do corazón a rehabilitárense, favorecer a calidade de vida entre os nosos maiores e introducir unha mellor xestión dos nosos recursos forestais. Os proxectos impulsados son Smart Cardia, NETA V3A (ambos do eido da eSaúde) e Xestal (medio ambiente). Segundo informa Balidea, as iniciativas son as únicas ligadas directamente ás TIC que conseguiron os ditos apoios de GAIN nesta edición de Conecta PEME.
Smart Cardia e NETA V3A son os acrónimos das propostas enmarcadas na aplicación das novas tecnoloxías no ámbito sanitario. A primeira delas busca desenvolver unha plataforma intelixente e preventiva de soporte á xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca; e a segunda pretende crear un robot asistencial 100% galego para o acompañamento das persoas maiores de face ao seu empoderamento e o envellecemento activo.
O terceiro dos proxectos, Xestal propón unha ferramenta tecnolóxica hardware e software que permita optimizar procesos clave na xestión dos recursos forestais, usando vehículos aéreos non tripulados.
O tres proxectos concedidos conseguiron o financiamento para as súas fases de desenvolvemento experimental e levaranse a cabo nun horizonte temporal de dous anos, até 2020. Todos eles realizaranse en colaboración con outras empresas para fomentar a unión das capacidades científico-tecnolóxicas procedentes de diferentes sectores.
No caso de Smart Cardia cóntase coa achega de SM Tecnoloxía e Imagames Gamification Services. “O uso desta plataforma”, informa Balidea, “mellorará o estado dos pacientes ao favorecer o seguimento dos plans de saúde e predicir o beneficio que devanditos plans poden ter”. Ao mesmo tempo, engade a empresa de Santiago, “facilitará o traballo dos profesionais sanitarios, ao dotalos de ferramentas que permitirán unha interacción intelixente cos pacientes e co propio proceso de rehabilitación cardíaca”.
Respecto de NEGA V3A, é un proxecto liderado por Atendo Calidad, no que ademais de Balidea, tamén colaboran Ledisson A&IT e Soluciones Conceptuales e Innovación.
O obxectivo xeral é que un robot asistencial axude aos maiores a ficaren na súa contorna o maior tempo posíbel, fomentando hábitos de vida saudábel, apoiando tratamentos farmacolóxicos e médicos, achegando seguimento e ofrecendo seguridade. Balidea salienta que este robot “cumprirá tamén cunha tarefa social”, proporcionando acompañamento mediante Intelixencia Artificial (IA), facilitando videochamadas e alentando a participación activa da persoa na súa contorna.
Pola súa banda, Aeromedia UAV lidera Xestal, no que tamén participan Cerna Enxeñaría e Asesoría Ambiental e Greenalia Forest. Segundo explican, concíbese coa finalidade de “desenvolver unha ferramenta tecnolóxica hardware e software dirixida sobre todo a enxeñarías ambientais e xestores forestais, que permita optimizar procesos clave na xestión dos recursos forestais, mediante a automatización e redución de custos da toma de datos”.

PUBLICIDADE