Balidea encargarase da evolución das aplicacións do Servizo Cántabro de Saúde

mércores, 11 de setembro do 2019 Redacción

A empresa TIC Balidea, con sede principal en Santiago, vaise encargar do mantemento e evolución das aplicacións do Servizo Cántabro de Saúde, ou sexa, das ferramentas asociadas aos sistemas de historia clínica electrónica e de atención hospitalaria do Servizo de Saúde. A firma galega desenvolverá estes traballos ao abeiro do contrato que vén de renovar coa dita entidade. Para esta licitación, Balidea concorreu en UTE con outras dúas empresas do sector TIC: Horus Ingeniería e GTI Santander. O contrato ten unha duración de dous anos coa posibilidade de renovación por outros dous.
En detalle, o proxecto abrangue o soporte técnico e o mantemento correctivo das incidencias que se produzan nos sistemas; así como o mantemento evolutivo das aplicacións e o desenvolvemento ou a renovación tecnolóxica. En particular Balidea xestionará tres ferramentas principais: primeiro, o sistema de xestión de citade especializada, procedementos e probas do Servizo Cántabro de Saúde, así como as súas integracións co resto de sistemas asociados; segundo, a solución corporativa para xestionar o bloque cirúrxico de todos os hospitais (un sistema que abrangue todo o proceso desde que se inclúe un paciente en lista de espera cirúrxica até que é dado de alta polo cirurxián); e terceiro, a aplicación de rexistro centralizado da lista de espera para citas, probas e intervencións cirúrxicas.
Balidea, Horus e GTI Santander son tres empresas tecnolóxicas especializadas e con experiencia no ámbito sanitario. Uníronse para o desenvolvemento deste proxecto co fin de lograr os seus obxectivos “da forma máis eficaz e eficiente”, explican, engadindo que o obxectivo é “achegar cada unha delas o seu coñecemento, experiencia e capacidade en cada un dos ámbitos específicos do contrato”.

PUBLICIDADE