Balidea desenvolve tecnoloxías de mobilidade a medida para a Policía de Pontevedra

venres, 3 de xuño do 2016 Redacción

A firma compostelá Balidea, da que falamos recentemente con motivo do lanzamento da aplicación deportiva ADESTRapp e do seu apoio aos alumnos do Posgrao de Xestión da Innovación da UDC, vén de informar dunha nova iniciativa de desenvolvemento tecnolóxico, desta volta para a Policía Local de Pontevedra. Trátase da materialización dunha plataforma a medida para facilitar ao máximo o labor administrativo en mobilidade dos traballadores de dito departamento. Máis polo miúdo, sinala Balidea, para achegar un importante extra de eficiencia e sinxeleza na emisión de denuncias de tráfico.
Segundo engade a empresa, a ferramenta foi deseñada de maneira específica para os modelos de móbiles e tabletas que se usan na Policía Local de Pontevedra, achegando as solucións máis acaidas ás necesidades dos seus integrantes. A tecnoloxía creada por Balidea inclúe dous compoñentes. Por unha banda, unha aplicación móbil para Android, compatíbel coas versións 4.4.x e superiores. Pola outra, unha serie de servizos que permiten a sincronización de información entre os móbiles e o servidor central.
Balidea cita entre as súas principais funcionalidades a capacidade para identificar usuarios nos dispositivos contra un servidor central, “así como a sincronización de datos entre ambos, o servidor e o dispositivo móbil”. A principal vantaxe disto é que o servidor sitúase en disposición de achegar aos dispositivos dos axentes “datos mestres”, por exemplo o rueiro da cidade, “ao tempo que dende os dispositivos envíanse directamente as denuncias ao servidor central”. Ademais, explica a compañía, “a ferramenta permite a captura de sinaturas dixitalizadas, tanto de axentes coma de cidadáns, a impresión de boletíns con impresoras móbiles e a consulta de datos dos servidores da Dirección Xeral de Tráfico, permitíndolles contrastar información de vehículos e persoas en tempo real”.

PUBLICIDADE