Balidea creará unha ferramenta intelixente para a comercialización de madeira

mércores, 22 de maio do 2019 Redacción

A empresa galega Balidea vén de anunciar que desenvolverá unha ferramenta intelixente para a selección de produtos de madeira destinados á construción. O proxecto pretende impulsar a cadea de valor deste produto, dende que se extrae do monte até o consumidor final, “fomentando un maior coñecemento do material para mellorar a súa posición nos mercados e facilitar o seu uso en edificios sustentábeis”. O desenvolvemento insírese na participación de Balidea como socio tecnolóxico do grupo GO Madera.
Segundo informa a empresa con sede en Santiago, trátase “dun proxecto innovador que porá un selector de produtos (cuxa materia prima é madeira de orixe estatal) a disposición dos arquitectos, axentes dos sectores forestal e da construción, industriais e distribuidores”. A ferramenta tecnolóxica incorporará datos técnicos e ambientais dos produtos de procedencia española para pór de manifesto a súa excelencia como material de construción, asociado a valores como a sustentabilidade. “Con iso preténdese tamén aumentar a súa competitividade no mercado”, explican dende Balidea, engadindo que este traballo insírese no seu compromiso pola innovación tecnolóxica aplicada á xestión e optimización dos recursos forestais, “conscientes como somos de que é un sector no que a sustentabilidade é un valor en alza e de que as TIC teñen moito que achegar niso”.
O proxecto Go Madera está liderado por PEFC España e a Universidade de Córdoba, que exerce os labores de coordinación técnica do proxecto. Outros membros do Grupo Operativo son INIA, o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria; o Instituto Eduardo Torroja de ciencias da construción do Consello Superior de Investigacións Científicas; e as empresas Cupa Innovación, Búsqueda Justificada de Diferenciación e AENOR Internacional.

PUBLICIDADE