Balidea certifica a súa aposta pola sustentabilidade e a calidade na produción

venres, 15 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Diego Arias, director de Desenvolvemento e Produción da empresa galega Balidea

A crise levou ás empresas do sector das novas tecnoloxías a optimizar os seus procesos internos, polo que o sector galego acadou un nivel de madurez máis alto, sendo referencia a nivel nacional e internacional. Esta é unha realidade que se pode constatar e da que podemos extraer unhas cantas claves de valor. Para dar conta delas tivemos oportunidade de falar con Diego Arias, director de Desenvolvemento e Produción da empresa galega Balidea. Segundo nos fai saber, os procesos de dixitalización e transformación interna deben ser pensados e medidos buscando a eficacia, a eficiencia e a rendibilidade. “Cómpre aplicar tecnoloxía operativa e produtiva, e non incorporala pensando que por si soa mellorará a competitividade”, sinala.
-Como director do departamento de Desenvolvemento e Produción TIC, que análise fai da produción que está levando a cabo Balidea?
-O reto que temos actualmente é o alto nivel de produción requirido polos clientes. Sendo seguramente o momento de maior demanda de traballo para a nosa área na historia de Balidea. É necesario facer unha produción sostible e, sobre todo, cos niveis de calidade axeitados, unha das nosas marcas de identidade. O noso obxectivo na área de produción é obter a satisfacción nos proxectos en tres liñas fundamentais: a satisfacción do cliente no produto obtido, a satisfacción do grupo de traballo na realización do proxecto e a satisfacción de Balidea no global do proxecto. Manter o equilibrio neste tres aspectos é sempre complicado pero é iso onde incidimos dende a Dirección de Proxectos.
-Como afectou a crise ao desenvolvemento e a produción TIC en Balidea?
-Eu sempre destaco que creo que no noso sector a crise foi de rendabilidade máis que de carga de traballo. É verdade que durante os anos da crise o sector público deixou de medrar e reducíronse as tarifas e o sector privado baixou a súa demanda, pero a carga de traballo mantívose nuns termos razoábeis (non así as rendabilidades asociadas que baixaron de maneira substancial). Sen embargo, coma sempre, débense converter as crises en oportunidades de mellora. Iso levou ás empresas do sector TIC a optimizar os seus procesos internos, traballar en proxectos de colaboración, orientarse cara a outros produtos, abrir novos mercados, buscar a excelencia… Todos eses traballos, que foron necesarios, leváronnos aos integrantes do sector TIC galego a estar nun nivel de madurez moito máis alto, sendo referencia a nivel nacional e internacional.
-Estanse a notar aínda os seus efectos ou xa se pode falar de recuperación neste sentido? Recuperáronse os niveis de produción anteriores á crise?
-Os niveis de produción xa son superiores aos previos da crise, polo menos en Balidea. Seguramente tamén se deba á apertura de novos clientes, novas colaboracións e novos mercados, pero si é certo que a día de hoxe estamos nun intre de alta demanda de traballo. O que si creo que se arrastra dende a crise, e que se debería abordar, é unha aposta por parte do sector público para a mellora nas tarifas a aplicar aos proxectos para continuar sendo unha referencia tecnolóxica. Coa dinamización do sector privado e a limitación da capacidade de crecemento das empresas do sector TIC isto pode acabar sendo un problema para as administracións públicas.
-En que medida a aplicación de novas tecnoloxías contribúe a aumentar a competitividade das empresas?
-En calquera sector onde unha empresa queira ser competitiva, un dos aspectos que debe ter en conta sen lugar a dúbidas é a mellora dos procesos e iso, normalmente, leva aparellada a aplicación de tecnoloxía aos mesmos. O investimento en tecnoloxía ten un retorno moi rápido e moi directo nas empresas. Iso si, é importante ter en conta que temos que aplicar tecnoloxía operativa e produtiva, e non incorporar tecnoloxía pensando que ela soa mellorará a competitividade. Coñecemos casos tecnolóxicos de grande éxito recente coma Google, Facebook, Whataspp, Instragram… Veremos que non son complexos tecnicamente, pero conseguiron dar resposta a unha necesidade de maneira efectiva, eficiente e sinxela. Ese é o criterio a aplicar nas empresas.
-É difícil desenvolver novas tecnoloxías nun sector tan marcado pola súa rápida evolución?
-Non, ao revés. Dispor de ferramentas de traballo novas, melloradas, en constante evolución sempre é unha vantaxe. Eu creo que as limitacións para os proxectos, polo xeral, non son tecnolóxicas. Iso déixanos na tesitura de ser capaces de facer bos proxectos sen a escusa tecnolóxica. Cando a xente non tiña ordenadores, as comunicacións eran un problema. Non había cultura tecnolóxica… iso si eran freos aos proxectos! Agora mesmo creo que está nas mans das empresas, dos profesionais das mesmas e dos xestores por parte dos clientes, ser capaces de crear bos proxectos. A competitividade e o continúo cambio de tecnoloxías é unha maneira de manternos a todos motivados e activos, o que redundará na mellora global do sector.

PUBLICIDADE