BSA acha cinco empresas usuarias de software pirata no que vai de ano en España

mércores, 11 de xullo do 2007 Raquel Noya

Tralas dilixencias de investigación levadas a cabo nos seis primeiros meses de 2007, a entidade Business Software Alliance (BSA) vén de informar do achado de cinco firmas en España que presuntamente empregaban software ilegal nas súas actividades. Entre as empresas rexistradas atópanse as seguintes: Aries Ingeniería e Sistemas, na que se inspeccionaron 55 ordenadores que empregaban copias ilegais de software por un valor estimado entre 150.000 e 200.000 euros, segundo o informe pericial; Grupo Santa Ana Corporación Empresarial, S.L., na que se inspeccionaron máis de 70 ordenadores coas mesmas características, Corintia Comunicación, S.L., unha empresa de publicidade de Algeciras (Cádiz) na que se inspeccionaron 41 ordenadores, Servicios de Prevención Antea S.A. de Sevilla con copias de software ilegais valoradas en máis de 75.000 euros e Aisia Hoteles, unha cadea hoteleira do País Vasco na que se inspeccionaron un total de 17 equipos, cunha estimación de danos que oscila entre os 20.000 e os 40.000 euros.
En total, o valor estimado dos perxuízos causados ós fabricantes por estes cinco casos illados sitúase arredor dos 600.000 euros e, segundo sinala BSA, non representan máis que a unha ínfima parte do total de empresas usuarias de piratería informática, xa que se estima que o 75 por cento das pemes españolas fan uso dela nas súas actividades.
Segundo datos do Estudo Mundial sobre a Piratería en 2006 elaborado por IDC, o índice xeral de piratería de software en España subiu até o 46 por cento, o que supuxo para a industria unhas perdas de 689 millóns de euros e de entre 4.000 e 6.000 postos de traballo.
BSA vén desenvolvendo un intenso labor de información e concienciación en torno á importancia que ten o emprego e a comercialización de software legal tanto para a economía como para a sociedade, aínda que aquí en España non chegou a ofrecer un millón de dólares, como fixo hai pouco en Estados Unidos para todo aquel que delatase á súa empresa por empregar software pirata (e menos mal porque, perante tal cantidade, a moitos individuos seguramente non lles importaría perder o seu posto de traballo e terían que erguer o país os traballadores do 25 por cento das empresas restantes que actúan “legalmente”, polo menos neste aspecto).

PUBLICIDADE