BOM Cine aspira a converterse nunha canle de TDT autonómica

luns, 8 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

En 2019 naceu unha canle temática na TDT chamada BOM Cine, coa intención de ofrecer contidos cinematográficos (10-12 películas ao día) nunha serie de comunidades autónomas entre as que figura Galicia, e aínda que no noso territorio a presenza desta canle do Grupo Squirrel limitábase ás emisións de A Nove tv, que pode recibirse en Vigo, Santiago de Compostela e Pontevedra, o que podería mudar en breve, xa que unha das empresas do seu grupo, Vértice 360, vén de anunciar un acordo con Radio Popular para a adquisición da súa licenza de TDT de ámbito autonómico, o que permitiríalle ampliar a súa cobertura a todo o territorio galego.
Esta operación foi comunicada á Comisión Nacional do Mercado de Valores nos pasados días, quedando pendente o acordo entre Vértice 360 e Radio Popular á tramitación administrativa regulada. Este tipo de operación podería atopar atrancos, xa que por unha banda a licenza vendida debería terse revocado hai anos por falta de uso e no caso catalán BOM Cine tamén padeceu adiamentos na súa posta en marcha por distintos problemas burocráticos.
Actualmente BOM Cine opera en parte de Madrid, Cataluña, a Comunidade Valenciana, Andalucía e Galicia, así como na plataforma de televisión por Internet Tivify, achegando producións cinematográficas de distintos xéneros, o que contrasta bastante coa meirande parte de canles temáticas na TDT, que na ficción dan prioridade ás series televisivas.

PUBLICIDADE