BFAuto loce potencial para anovar a industria do motor

xoves, 8 de agosto do 2019 Redacción

A iniciativa innovadora Business Factory Auto, destinada a acelerar proxectos especializados e intelixentes no eido do motor, amais de atraer e reter talento en materia de automoción, mostrou hoxe o seu potencial perante o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen salientou, nunha visita ás instalacións de dúas das firmas participantes, Nort3D e Lupeon, ambas situadas no Porto de Molle (Nigrán), o músculo competitivo e innovador das mesmas.
No caso de Nort3D, puxo en marcha o sistema Simaxsu que permite suxeitar e transportar pezas metálicas nas cadeas de produción tirando proveito dunha tecnoloxía magnética no canto dos tradicionais sistemas de ventosas, aportando, en palabras da empresa, “fiabilidade, optimización enerxética e redución de custos”.
Lupeon, pola súa banda, ten logrado reducir o peso das garras robóticas mellorando a súa axilidade, rapidez e produtividade (a súa tecnoloxía suscitou o interese de PSA, que está a incorporar ás súas instalacións produtos deseñados por esta firma no marca da aceleradora).
Segundo lembrou Conde, BFAuto ten contribuído nas súas tres primeiras edicións á creación de 35 novas empresas que acadan xa os 252 empregos xerados e unha facturación de 33 millóns de euros. “A previsión”, dixo, “é que en 2020 a facturación acade os 71M€ e os 350 postos de traballo”. Ademais, 8 de cada 10 empresas que están en fase de consolidación xa facturan ao sector e o 30% das participantes xa exporta os seus produtos ou servizos.
Conde tamén salientou o modelo empregado por BFAuto: un modelo de éxito que “traballa en contornas reais dando respostas e solucións innovadoras reais ao sector”, engadiu Conde.
Máis datos de BFA
BFA é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado (Xesgalicia); o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e Vigo Vigo Activo Sociedad de Capital Riesgo, SA SME (VIGO ACTIVO), a Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), e GROUPE PSA. O seu obxectivo é a aceleración e consolidación de proxectos especializados en automoción e a súa transformación en empresas innovadoras, viábeis, adaptábeis e evolucionábeis que atraian e reteñan talento; “contribuíndo así a fortalecer a posición do sector e a incrementar a súa proxección internacional”.
En BFA os emprendedores dispoñen dun espazo de traballo, respaldo financeiro, formación e un ecosistema único integrado por titores, mentores, socios e outros axentes; todos relacionados co sector do motor e dos negocios.

PUBLICIDADE