BATA e a galega Dos Espacios crean unha app para axudar a persoas con trastorno de espectro autista

xoves, 22 de setembro do 2016 Redacción

Santiago Paz, de Dos Espacios, en medio de Fausto García e Nacho Rey

Onte presentábase unha aplicación de balde para emprestar axuda a persoas con trastorno do espectro autista. A app móbil, chamada INEIP, foi levada a cabo pola empresa Dos Espacios de Vilagarcía de Arousa financiada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes partindo da base que a asociación BATA leva desenvolvendo dende hai un ano de cara á orientación laboral das persoas con necesidades específicas. Indo á aplicación, cómpre dicir que é para dispositivos móbiles con sistema operativo Android e que tentará facer máis doada a tarefa dos orientadores laborais que traballan con autistas ou persoas con diversidades intelectuais permitindo a estes últimos atopar a súa verdadeira vocación.
A aplicación, Instrumento de Evaluación de Intereses Profesionais (INEIP), xa foi testada con catorce mozos de BATA e outra vintena de dous colexios de educación especial de Barcelona e Murcia. A aplicación xa está dispoñíbel de maneira gratuíta para todo tipo de colectivos que empresten apoio a persoas con autismo ou outras características.
O proxecto parte dunha aplicación máis rudimentaria para computador que BATA vén empregando dende 2006. A nova app mellóraa e optimízaa e está a traballar nunha versión mellorada máis encamiñada a persoas que xa atoparon emprego, para facilitarlles a adaptación ao seu posto de traballo.
Na presentación desta versión, dirixida por Fausto García (presidente de BATA), Ignacio Rey (coordinador do servizo de emprego da asociación), Santiago Paz e Víctor Barros (de Dos Espacios) púidose ver que mediante o uso de pictogramas e vídeos gravados (en empresas locais e en situacións reais) é posíbel dirixir e axudar ao usuario a través de dezaseis preguntas nas que terá que elixir entre distintas profesións dos sectores agroforestal, mecanización, servizos e administrativo. Con estes datos, fíxose saber, o sistema elabora un informe sobre o sector profesional que máis lle interesa á persoa en cuestión e as competencias que necesita para desenvolver ese traballo de maneira eficaz. O obxectivo é que os autistas "poidan tomar unha decisión consciente e informada sobre algo tan importante como a súa vida laboral", explica Ignacio Rey, que agarda que a aplicación "chegue a moitas persoas con autismo e necesitadas de apoio e lles sexa útil".
Así, o servizo de emprego que el dirixe, asesora a uns 170 mozos e conseguiu inserir no mercado laboral a outros corenta. A maior parte mozos de entre 16 e 25 anos que remataron a ESO pero "que non son quen de seguir estudando e buscan acceder a outro tipo de formación ou a unha actividade remunerada", apunta Rey, que incide en que a aplicación ideada por BATA conta co respaldo da Asociación Española de Emprego con Apoio (AESE).

PUBLICIDADE