Avanza Smartiago coa instalación de sistemas de control de tráfico con algoritmos

mércores, 19 de maio do 2021 S. P.

A peonalización da contorna da praza de Mazarelos, en pleno casco vello de Santiago, vén de coincidir cun importante paso adiante do proxecto Smartiago para converter a capital de Galicia nunha Cidade Intelixente. Ao abeiro desta iniciativa, activada polo anterior equipo de Goberno local e mantida polo actual, dispuxéronse innovadores dispositivos de control de vehículos en enclaves como a Porta Faxeira, a rúa das Ameas ou a Porta da Pena.
“O obxectivo é reducir de forma drástica os desprazamentos con vehículos contaminantes na cidade histórica e previr os danos en pavimentos por acceso indebido de vehículos de tonelaxe excesiva”, sinalan dende o Concello. Estes dispositivos de terra, que seguen en certa maneira a feitura dos vellos bolardos que até o de agora delimitaban o tráfico de Mazarelos e a súa contorna, compleméntanse con 43 cámaras-vixía para ser instaladas en diferentes emprazados da cidade e que dispoñen de algoritmos para detectar nas imaxes que rexistran diversos elementos e distintivos dos vehículos, como por exemplo a matrícula, a marca ou o tipo (se son bicis, motos, turismos, camións ou vehículos de recollida de lixo e de limpeza viaria, etc), entre outros parámetros e indicadores. Estas tecnoloxías tamén serán quen de extraer información de valor dos peóns, co fin de coñecer, por exemplo, o fluxo de turistas da cidade.

PUBLICIDADE