Autorizan as viaxes internacionais para acudir ao Mobile World Congress de Barcelona

mércores, 7 de abril do 2021 Marcus Fernández

Pese a terse confirmado importantes baixas na edición deste ano, a GSMA mantén as súas intencións de realizar unha edición presencial do Mobile World Congress 2021 en Barcelona entre os días 28 de xuño e 1 de xullo, polo que anuncia que vén de chegar a un acordo co Ministerio de Interior para que os asistentes á feira poidan entrar en España para a feira tecnolóxica.
Actualmente só é posible que entren en España viaxeiros de fóra da Unión Europea agás que formen parte de certos grupos de traballos de alta cualificación, categoría na que o Goberno de España incluirá aos distintos tipos de participantes no MWC21, contando con que o propio evento ten establecidas fortes medidas sanitarias. Deste xeito, profesionais de países como China ou EE.UU. non terán restricións para vir a España a facer negocios no marco da feira tecnolóxica de Barcelona.
Os participantes de fóra da Unión Europea e do espazo Schengen deberán rexistrarse en liña no evento, para así poder recibir información puntual sobre como deberán proceder de cara ao MWC21, aínda que poderán existir restricións a este procedemento de determinarse que queren aproveitar a viaxe para motivos distintos da asistencia á feira, de ter prohibida a entrada a España ou por residir nalgún territorio que identifiquen como de alto risco no marco da COVID-19 (algo que detallará o Goberno no seu momento).

PUBLICIDADE