Autorizan a rede de satélites de baixa altura de Amazon

venres, 31 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Amazon está a anuncia que a Comisión Federal de Comunicacións (FCC) autorizou o proxecto Kuiper que consiste no despregamento dunha constelación de 3.236 satélites de baixa altura para poder achegar servizos de banda larga a prezos económicos e en zonas que teñen problemas de cobertura a través doutras infraestruturas de telecomunicacións.
A autorización da FCC permite que o proxecto Kuiper poida operar nos EE.UU., de xeito que Amazon poderá ofrecer acceso á Internet a fogares e comunidades ao longo do país. Para este propósito Amazon prevé investir máis de 10.000 millóns de dólares, o que beneficiará aos EE.UU. tanto pola creación da propia infraestrutura como pola xeración de emprego, aínda que esta rede de satélites tamén será positiva para moitos outros territorios do globo con problemas de acceso a unha banda larga de calidade.
Este proxecto de telecomunicacións non só pode ser unha alternativa para dar cobertura de banda larga a fogares e institucións, senón que tamén pode resultar moi útil para científicos traballando en zonas remotas, a atención en zonas de emerxencias e a empresas de todos os tamaños. A rede de satélites de baixa altura tamén pode contribuír ao espallamento de infraestruturas de telefonía móbil LTE e 5G a novos territorios.

PUBLICIDADE