Audiosurf: orixinal mestura entre Tetris, Guitar Hero e Wipeout

venres, 25 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Vén de rematar a segunda semana de probas dun xogo que semella moi atractivo, Audiosurf, que contará cunha versión definitiva en febreiro e impresiona por combinar a dinámica de xogos coma Tetris (ou Columns) e Guitar Hero coa estética de Wipeout.
Así, este xogo presenta en pantalla unha nave futurista avanzando a grande velocidade que pode chocar con pezas de cores para pousalas sobre a pista de xeito que desaparecen ó agruparse de 3 en 3. As pezas están sincronizadas coa música que sona durante as nosas partidas, destacando por non contar cun catálogo limitado, senón que podemos crear os patróns de notas a partir da música que teñamos en CD, MP3 ou outros formatos, o que permitirá xogar escoitando os nosos temas favoritos.
A versión de proba pública aínda se pode descargar e actualizar para poder botar un ollo ó que nos ofrecerá este interesante título que chegará en poucas semanas.


Proba do xogo mentres se escoita o tema Through the Fire and Flames de DragonForce, popularizado polo xogo Guitar Hero III

PUBLICIDADE