Atresmedia premia as propostas dun grupo de alumnos da UVigo

luns, 13 de xullo do 2015 Redacción


A empresa de comunicación Atresmedia vén de entregar os seus recoñecementos vencellados á iniciativa Proyecto Mañana. O palmarés, segundo informa Universidade de Vigo, tivo finalmente presenza galega. Máis en detalle, a dun grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que conseguiron impoñerse coas súas propostas aos traballos presentados por outras catro universidades do ámbito estatal. As súas propostas foron as seguintes: unha aplicación específica para móbil; un portal de memes; a creación dun usuario único e manuais de estilo de redes sociais para programas do grupo Atresmedia. Segundo engade a UVigo, trátase da primeira vez que a institución académica galega participa no certame de Atresmedia.
Estas iniciativas, xunto cunha pormenorizada análise dos aspectos a mellorar no uso das redes sociais dos programas El Intermedio de La Sexta e RadioEstadio de Onda Cero, valéronlle aos estudantes galegos o devandito recoñecemento de mellor proposta presentada, segundo determinou o comité de dirección de Atresmedia na sesión de presentacións celebrada o xoves en Madrid. O colectivo de estudantes está formado por Bernabé Carrillo, Sara Varela e Miguel Grandío, estudantes de Comunicación Audiovisual, e Jennifer Álvarez, Susana Basoa e Zoe Calvo, graduadas de Publicidade e Relacións Públicas. Contaron coa coordinación dos docentes Alberto Dafonte, Silvia García e Xabier Rolán.
Acerca das orixes e obxectivos do certame, a Universidade de Vigo lembra que naceu coa finalidade de “non perder o contacto coa realidade”, hai cinco anos, materializando unha arela concreta de Atresmedia: a de consultar á xente nova o que farían se estiveran no lugar dos directivos e directivas do grupo. Así xurdiu pois Proyecto Mañana, que ano tras ano elixe unha temática sobre a que durante seis meses traballan grupos de estudantes de universidades previamente seleccionados. Así, a Málaga, Navarra, Pompeu Fabra e Juan Carlos I, sumouse esta ano, por primeira vez, a Universidade de Vigo, cuxo reitor asinaba en febreiro pasado co presidente de Atresmedia Cine, Mikel Lejarza, un convenio que materializaba esta participación.
Segundo engaden dende o Campus, a devandita distinción concedida polo equipo directivo de Atresmedia non é o único recoñecemento ao traballo desenvolvido polo equipo da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que tamén poderá beneficiarse dunha bolsa trimestral de prácticas remuneradas na área multimedia do grupo.

PUBLICIDADE