Atopan un novo truco para o Super Mario Bros. orixinal

mércores, 18 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Que nos videoxogos é habitual atopar trucos e atallos que en moitos casos parten de erros de programación non sorprende a ninguén, pero que atopen fallos deste tipo en clásicos como o Super Mario Bros. de 1985 xa pode resultar máis abraiante, chamando poderosamente a atención un xogador que publicou un vídeo en YouTube no que podemos ver como atoparon un curioso xeito de permitir que Mario consiga vidas extra de xeito masivo, o que facilitaría completar o xogo.
De todos os xeitos non estamos ante un truco doado de replicar, xa que precisa de iniciar a partida no modo de dous xogadores (tras ter completado o xogo como mínimo unha vez), empregar un truco con Luigi para saltar directamente do segundo nivel ao mundo 5-2 e deixarse matar trepando un pé de feixóns, para que logo apareza misteriosamente ese elemento no mundo 1-2, podendo aproveitalo Mario para conseguir golpear ata que remate o tempo unhas cunchas de koopa, conseguindo unha enorme cantidade de vidas como recompensa.
Cómpre destacar que este tipo de fallos de programación non teñen por que aparecer en todas as versións do xogo, xa que os cartuchos de Super Mario Bros. teñen pequenas modificacións entre os distintos territorios (lembremos que pasaban moitos meses entre os distintos lanzamentos internacionais) e, aínda que non sempre poidamos replicar este truco, que o descubrisen case 30 anos despois do lanzamento do xogo é digno de mención (especialmente porque trátase dun xogo moi popular, do que xa atoparan infinidade de trucos no seu día).


Vídeo no que podemos ver o novo truco para Super Mario Bros. en acción

PUBLICIDADE