AtlantTIC mostra á sociedade o seu traballo nunha xornada de portas abertas

xoves, 8 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Este 9 de novembro celébrase en Vigo unha cita de gran relevancia para a nosa comunidade investigadora, docente e empresarial. E, tamén e sobre todo, para a mocidade que estea valorando a posibilidade de percorrer, no futuro, unha carreira vencellada ás novas tecnoloxías e ao científico. Estamos a falar da xornada de portas abertas do centro de investigación AtlantTIC do Campus de Vigo, centrado en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Na cita calcúlase que participen máis de 250 persoas. Trátase dun evento de balde con actividades para todos os públicos, incluíndo visitas guiadas a espazos salientábeis do centro.
A visita intégrase no programa de actividades de divulgación científica e tecnolóxica Ciencia Singular, creado para amosar á sociedade o traballo desenvolvido nos tres centros singulares de investigación da universidade viguesa: AtlantTIC, o Centro de Investigación Mariña (CIM) e o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO).

Carlos Mosquera, director do centro AtlantTIC

O encargado de levar a cabo as actividades será o persoal dos grupos de investigación que conforman o devandito centro TIC. Os residentes en AtlantTIC farán un percorrido pola actividade e os cometidos do centro, mostrando o traballo dos laboratorios e os equipos que estes acubillan. Como dixemos, tamén haberá obradoiros, experimentos e actividades, tocando temas candentes como a impresión 3D, a fabricación de placas de circuíto impreso (PCB), as redes de comunicación 5G, as comunicacións ópticas, as ferramentas de análise forense, as apps educativas para facilitar a expresión oral, a Intelixencia Artificial aplicada á comunicación, a demostración de recoñecemento da fala e de persoas en contidos audiovisuais e os nanosatélites.
Engadirase ao devandito unha visita guiada ao laboratorio de seguimento de satélites, que conta cun gran número de antenas e un equipamento electrónico que permite participar en todas as etapas que seguen ao lanzamento dunha misión espacial. Amais, haberá outra visita aos laboratorios de acústica, onde as e os visitantes poderán coñecer a cámara semianecoica e distintos equipamentos.

PUBLICIDADE