AtlantTIC e a Facultade de Historia (UVigo) participan nun proxecto para conectar os bens culturais europeos

mércores, 8 de xuño do 2016 Redacción

O proxecto CrossCult é unha iniciativa europea na que participan unha ducia de socios de sete países europeos e unha manchea de investigadoras e investigadores das novas tecnoloxías, as ciencias e as humanidades. O obxectivo: optimizar o coñecemento de Europa a través da conexión dos seus bens culturais. A iniciativa vén de acadar unha subvención de máis de 3,5 millóns de euros e ten a súa orixe en 2014, nas conversacións entre investigadores do Luxembourg Institute of Science and Tecnology, LIST e as universidades de Vigo e do Peloponeso, que desde 2007 coincidían en congresos especializados na área da web semántica e os sistemas de información intelixente. CrossCult, en termos máis concretos, busca tirar proveito da tecnoloxía da web semántica para fomentar a reutilización de todo o volume de contido dixital que xa existe, “máis aló da área de influencia dun museo concreto”.
Así nolo contan os grupos participantes da Universidade de Vigo: o grupo de investigación en Servizos para a Sociedade da Información (GSSI) de AtlantTIC, e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, da Facultade de Historia do Campus de Ourense. O primeiro equipo de investigadores achegará, dende a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, un sistema que, a través de bases de datos e algoritmos, sexa quen de descubrir as relacións entre os recursos culturais. Pola súa banda, o grupo de historiadoras traballará na identificación de contidos e posíbeis interrelacións.
Xunto á institución académica viguesa, a do Peloponeso e o LIST, que coordina o proxecto, participan en CrossCult, a National Gallery e a University College London de Reino Unido, o Centre Virtuel de la Connaissane sur l’Europe de Luxemburgo, o Centre National de la Recherche Scientifique de Francia, a Università Tà Malta, a Università degli Studi di Padova de Italia, o Tecnologiko Ekpaideftiko Idryma Athinas de Grecia e a empresa española GVAM Guías Interactivas S.L.
Segundo informa a Universidade de Vigo, CrossCult arrinca no seu desenvolvemento (de aquí até 2019) “co deseño de catro pilotos cos que explorar os desafíos e oportunidades duns escenarios que van de Londres a Lugo, pasando por Chaves, Epidauro, Trípoli, Luxemburgo e A Valetta”. O primeiro dos escenarios, un gran museo multitemático, desenvolverase na National Gallery de Londres “coa finalidade de enriquecer a experiencia dos e das visitantes, para que cada día se podan contar historias novas, que interconecten recursos que están en diferentes localizacións”.
O segundo piloto trata de interrelacionar institucións culturais de distintos países tentando atopar elementos comúns para contar historias que remitan a feitos concretos. A materialización deste proxecto contará coa participación dos balnearios romanos de Lugo e Chaves, así como do xacemento de Montegrotto Terme en Italia e o teatro grego de Epidauro.
O terceiro dos pilotos desenvolveríase en museos pequenos que queren sacar o máximo partido dos seus recursos relacionándoos con temas de actualidade ou de interese para cada usuario ou usuaria, mentres que o cuarto céntrase en Cidades Intelixentes, con rúas que poden contar todo tipo de historias a persoas procedentes doutros lugares.

PUBLICIDADE