Até 800 expertos en procesamento de sinal xúntanse estes días en PALEXCO

luns, 2 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este martes 3 de setembro inaugúrase en Coruña, no recinto PALEXCO, a 27 edición do Congreso Europeo de Procesamento de Sinal. A apertura está prevista para as 8.30 horas, nun acto a desenvolver na sala Gaivota que contará coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. Asistirán ademais do reitor, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a conselleira de Educación, Carmen Pomar; e os co-presidentes do comité organizador, o profesor da UDC Luis Castedo e a profesora da Stony Brook University (EE UU) Mónica Bugallo.
Este congreso reunirá na Coruña a 800 expertos internacionais no procesamento de sinal, un ámbito de traballo e investigación abeirado ao eido das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e que, en palabras da UDC, brinda mancheas de aplicacións e posibilidades para as seguintes contornas: a xestión de datos de voz, imaxe e vídeo; a biomedicina, as comunicacións, a xeolocalización, a Intelixencia Artificial e a ciberseguridade, entre outros ámbitos.
Procedentes de 52 países, presentaranse máis de 500 traballos científicos e participarán catro autoridades mundiais nos procesamentos de sinais: Josiane Zerubia (INRIA, Francia), Yurii Nesterov (CORE, UCL, Bélxica), Raymond Knopp (EURECOM, Francia) e Alejandro Ribeiro (Universidade de Pennsylvania, Estados Unidos). Entre os investigadores internacionais que máis interese están a suscitar atópase o matemático ruso, Yurii Nesterov, referente teórico no procesamento de sinal, quen accede nesta edición coruñesa do congreso a unha conferencia maxistral.
Dentro do marco deste congreso celebrarase este xoves, 5 de setembro, no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación da UDC, CITIC, o II Congreso Xove TIC. Esta iniciativa, que inaugurará o reitor, Julio Abalde, ás 9:30h., é unha proposta destinada a novos investigadores predoutorais e postdoutorais na área das TIC das universidades de Galicia e do norte de Portugal.

PUBLICIDADE