Até 60 locais dos concellos de Muros-Noia implantaron xa menús dixitais

venres, 28 de agosto do 2020 S. P.

Os alcaldes dos concellos da comarca de Muros e Noia e mailo vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participaron no restaurante Casa Boto (Noia) na presentación das cartas de menús dixitais promovidas pola Asociación Turística Ría da Estrela, que segundo puidemos saber, chegaron xa a 60 locais hostaleiros da contorna. Na súa intervención, Xosé Regueira destacou o apoio da Deputación a iniciativas de innovación como " elemento fundamental para a mellora da calidade e competitividade dos xeodestinos".
A Asociación Turística Ría da Estrela organizou este xoves un acto para a presentación da nova iniciativa de menús dixitais que contou coa intervención do vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, a presidenta da entidade, María Teresa Villaverde e o alcalde de Noia, Santiago Freire e no que participaron tamén representantes dos concellos da Ría de Muros-Noia e do sector turístico da comarca.
Xosé Regueira recoñeceu que o sector atravesa “un momento moi complicado” mais avogou polo optimismo e por “tomar a crise como oportunidade para gañar en competitividade e ofrecer garantías suficientes de calidade e seguridade". Neste sentido, destacou o apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña aos entes de xestión turístico como ferramentas de especial relevancia para saír da situación actual e, en especial, ao desenvolvemento de iniciativas innovadoras como os menús dixitais para a mellora da calidade e competitividade dos xeodestinos.
As cartas dos menús dixitais é un proxecto no que levan meses traballando os concellos da Ría da Estrela, como “unha solución tecnolóxica adaptada ás novas necesidades da hostalería derivadas da situación propiciada pola COVID-19”. A solución, que como dixemos está implantada xa nuns 60 locais de hostalería da comarca de Muros e Noia (cuxas experiencias foron debulladas na cita deste xoves), está estendéndose nos concellos de Noia, Muros, Porto do Son, Outes e Lousame, que son os co-responsábeis de impulsar a dita tecnoloxía e o programa no que se insire: un programa para facilitar a adaptación dos establecementos turísticos ás medidas de seguridade e control contra a pandemia.
O proxecto está a ser tutelado pola Asociación Rural de Desenvolvemento Ría Muros-Noia, na que están integrados os cinco municipios, e conta cun orzamento de 14.000 euros (que aportan a Deputación Provincial da Coruña e os concellos).
Os servizos que veñen incluídos no programa xeral inclúen, entre outras cousas, asistencia personalizada para cada negocio; fornecemento de cartelería, sinalización e marcado de chans ou resolución de dúbidas por vía telefónica ou telemática, amais das cartas de menús dixitais que citamos antes, ás que o cliente accede a través dun código QR.

PUBLICIDADE