Até 500 persoas confirmaron a súa participación nos Galicia Innovation Days, que comezan a vindeira semana

venres, 22 de outubro do 2021 S. P.

Este luns 25 de outubro arrinca finalmente a primeira edición de Galicia Innovation Days, unha iniciativa da Xunta e a Fundación Universidade Empresa (FEUGA) para dar a coñecer as capacidades da nosa terra en investigación e innovación e informar as oportunidades que se abren coas novas convocatorias de Horizonte Europa (o programa de financiamento europeo de I+D+i que conta cun orzamento de 95.000 millóns de euros para o período 2021-2027). FEUGA salientou a elevada participación confirmada para os Galicia Innovation Days, con 500 participantes de 40 países de todo o mundo.
As xornadas, de carácter gratuíto, celebraranse en formato online do 25 ao 29 de outubro. FEUGA confirmou que o evento espertou o interese de investigadores, universidades, empresas e centros tecnolóxicos de catro continentes.
O luns, 25 de outubro, o director xeral de FEUGA, Javier Pereiro, inaugurará as xornadas coas que a Fundación Universidade Empresa Galega pretende potenciar unha das súas liñas estratéxicas: o impulso á investigación e á innovación. “Galicia Innovation Days é un punto de encontro, unha oportunidade para mostrar as capacidades que existen en Galicia ante a convocatoria de Horizonte Europa, que é o principal instrumento de financiamento da I+D e que marcará o futuro do desenvolvemento tecnolóxico no continente. Que Galicia teña presenza, a través dos seus investigadores e das súas empresas, como socio neses proxectos é fundamentalmente o obxectivo que temos desde FEUGA dentro do marco de colaboración coa Xunta de Galicia como principal impulsor desta dinamización do tecido en Galicia”, destaca Javier Pereiro.
As xornadas contarán con expertos internacionais que abordarán os distintos clústeres do programa Horizonte Europa para responder así aos retos de futuro aos que se enfronta a nosa sociedade e o papel que xogan a innovación e a investigación. Na primeira xornada, adicada ao clúster da saúde e ao da cultura, a creatividade e a sociedade inclusiva, celebrarase o relatorio de Francisco de la Torre, representante da unidade de Democracia e valores europeos da dirección xeral de Desenvolvemento e Innovación da Comisión Europea.
Gerd Schönwälder, policy officer para a Transición Ecolóxica e Social da Comisión Europea, Garbiñe Guiu Etxeberria, directora xeral de Investigación e Innovación - Transformacións Industriais da Comisión Europea, e Inge Van Oost, policy officer e directora xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, son o tres relatores destacados do evento.
O programa inclúe, ademais, mesas redondas e a presentación de proxectos innovadores que contan con axudas europeas en ámbitos como o clima, a transición ecolóxica, a transformación dixital ou a agroalimentación, entre outros eidos. Así mesmo, os participantes contarán co asesoramento dos puntos nacionais de contacto do programa Horizonte Europa.
FEUGA confirmou que un dos obxectivos de Galicia Innovation Days é o fomento do networking entre posíbeis socios e colaboradores. Asi, as persoas asistentes poderán realizar intercambio de mensaxes e reunións individuais durante as catro xornadas a través da plataforma b2match.
Dez anos no ámbito internacional
O impulso á investigación e á innovación é unha das liñas estratéxicas de FEUGA que conta cunha área de programas europeos.
A Fundación Universidade Empresa Galega, cun equipo multidisciplinar de expertos en international business e representación en Bruxelas, eríxese como axente para facilitar as negociacións entre empresas, investigadores e axentes públicos, representando os intereses de distintos colectivos.
“Desde hai máis de 10 anos contamos cun equipo dedicado á promoción e execución de proxectos internacionais. Esa é unha das liñas de actuación de FEUGA. Todo enmarcado nunha estratexia de rexión, nunha estratexia de país, coa que estamos totalmente comprometidos”, destaca Javier Pereiro.

PUBLICIDADE