Até 420 autónomos comezaron xa a formarse en ecommerce da man do Goberno galego

mércores, 3 de xuño do 2020 Redacción

O Goberno galego vai achegar formación en comercio electrónico e ferramentas de dixitalización (tan indicadas para estes tempos de crise sanitaria, económica e desescalada) a 1.200 autónomos da nosa Comunidade, co obxectivo de reforzar a competitividade dos seus negocios. Segundo fixo saber esta mañá o conselleiro de Economía, Francisco Conde, nun encontro por videoconferencia cos participantes na iniciativa Autónomos Dixitais, neste programa xa están a recibir capacitación TIC unhas 420 persoas.
Na súa intervención, Conde puxo de relevo que os autónomos “xogarán un papel central para garantir que a reactivación económica sexa o máis rápida e eficaz”, apuntando que “o comercio electrónico veu para quedar”, polo que a” relación final co consumidor dependerá da destreza de cada autónomo para adaptarse ás tendencias dixitais”.
A iniciativa Autónomos Dixitais ofrece dúas accións formativas online de 50 horas lectivas cada unha centradas na mellora de habilidades no eido da xestión loxística, a mercadotecnia, a venda online e a creación de tendas virtuais. En concreto, trátase dos cursos Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en ecommerce.
O programa compleméntase co Plan de dixitalización co que a Xunta mobiliza 40 millóns de euros para impulsar a implantación de novas tecnoloxías e a Industria 4.0 no tecido empresarial galego. Dentro deste plan, engadiu Conde, “contémplanse axudas para fomentar as iniciativas empresariais no rural; incorporar tecnoloxías que faciliten a renovación e modernización dos procesos produtivos, e promover a internacionalización a través do comercio electrónico e as novas canles de venda”, entre outros aspectos.

PUBLICIDADE