Até 4.000 congresistas participarán no salón madrileño dos contidos dixitais, FICOD

venres, 21 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

O vindeiro martes 25 abre as súas portas en Madrid a mostra FICOD 2008 concretamente no Palacio Municipal de Congresos Juan Carlos I de Madrid. O salón, que vai encamiñado a tomarlle o pulso ao máis innovador do eido audiovisual e os contidos dixitais (cinema, música, vídeo, videoxogos, animación, radio, xornalismo dixital, formación en liña, publicidade, etc), contará na inauguración oficial coa presenza dos príncipes de Asturias e de máis de 4.000 congresistas procedentes de todo o mundo. A nova edición da feira, aberta até o vindeiro 27 de novembro, desenvolverase en boa medida arredor das ligazóns que unen a España e Colombia, país convidado nesta convocatoria. Asemade, xorde coa arela de fortalecer o sector creando pontes e abrindo portas entre os axentes que xogan ou xogarán no eido do mercado hispanoamericano.
Para ir abrindo boca, os organizadores teñen prevista unha serie de actividades-reclamo ao longo do acto de inauguración: unha proxección dun sketch realizado en exclusiva para FICOD polo equipo de Muchachada Nui e no que Joaquín Reyes e os seus colaboradores (responsables de Enjuto Mojamuto) achegarán o seu punto de vista sobre a innovación presente e futura dos contidos dixitais.
Tralo acto de apertura, está previsto o comezo das actividades-miolo do programa, entre as que se conta un relatorio a cargo de Chris Anderson (editor da revista Wired e presente en FICOD para expoñer a súa teoría sobre o futuro da Rede: unha Internet de balde en todos os seus niveis, pero produtiva e rendible). Asemade, e de xeito paralelo, levarase a cabo os días 25 e 26 a segunda edición da Conferencia Internacional sobre a Propiedade Intelectual no Contorno Dixital, que xorde como punto de encontro dos principais especialistas do mundo na devandita materia.

PUBLICIDADE