Até 200 fogares e empresas de Muros dispoñen xa das redes ultrarrápidas de R

xoves, 8 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Proseguen os traballos da firma R para introducir redes ultrarrápidas nas áreas da nosa terra que non contan con elas. Entre as contornas onde se veñen de estrear estes equipamentos de FTTH (Fiber To The Home) figura o concello de Muros. O fornecemento desta infraestrutura implica a posta a disposición de accesos de nova xeración (con servizos avanzados de teléfono, Internet de alta velocidade e televisión dixital multicanle de R) para 200 fogares e empresas do dito concello coruñés.
Coma noutros traballos semellantes, o operador galego salientou que o remate do despregue de fibra óptica levouse a cabo “aproveitando ao máximo as infraestruturas municipais da localidade”.
O fornecemento de fibra en Muros abéiranse ao Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa, do que R foi adxudicataria en 2016 para despregar FTTH (fibra até o edificio) nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade até este momento. Xunto co da provincia da Coruña, o operador galego conseguiu tamén a adxudicación doutros dous proxectos; un, para as provincias de Lugo e Ourense e outro para a de Pontevedra. En total, os tres proxectos supoñen un investimento de preto de 8 millóns de euros, dos que 4,3 son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-Plan Avanza) do Ministerio de Economía e Empresa.
Respecto da provincia da Coruña, o investimento rolda os 3,8 millóns de euros, dos cales 2,1 proceden dos fondos europeos.
R engadiu que cando se completen os traballos de despregue nas catro provincias galegas, arredor de 33.000 fogares e empresas destas “zonas brancas” formarán parte do millón longo de fogares e negocios que a día de hoxe están en disposición de recibir os servizos avanzados de R en Galicia.

PUBLICIDADE