Até 20 pemes participarán na aceleradora galega de proxectos anti-COVID, Connect-19
xoves, 30 de xullo do 2020
- Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, e Francisco Conde, conselleiro de Economía
O
Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense) e a
Consellería de Economía, a través da Axencia Galega de Innovación
(GAIN), veñen de dar un novo impulso á súa aceleradora conxunta de
pemes especializada na comercialización de solucións contra o
impacto da COVID-19. Segundo informaron, neste programa, denominado
Connect-19, van participar
20 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de alicerce
tecnolóxico de toda a nosa xeografía. A esta iniciativa, á que
se van destinar preto de 600.000 euros, presentáronse un total de 53
empresas galegas.
O
obxectivo do programa, segundo recalcaron a Tecnópole e GAIN, é
“impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións
innovadoras do tecido empresarial galego que poidan contribuír a
reducir o impacto social e económico provocado pola COVID-19, tanto
produtos como servizos”. Na mañá deste 30 de xullo o conselleiro
de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un
encontro en liña cos beneficiarios do programa.
Sectores
e solucións moi diversas
Segundo
fixo saber Conde, as pequenas e medianas empresas seleccionadas
pertencen a sectores moi diversos (saúde, industria, TIC,
biotecnoloxía, social) e teñen en común que dispoñen dun produto
ou servizo innovador que pode contribuír á loita contra o impacto
producido pola crise da COVID-19 (xa sexa desde o punto de vista
social ou económico) e que xa se pode incorporar axiña ao mercado
(ou xa está no mercado pero precisa dun impulso para a súa
visualización). O programa Connect-19 apoiará e reforzará esa
comercialización, dixo, engadindo que as empresas que finalmente se
van beneficiar da aceleradora “ofrecen solucións moi dispares”,
desde unha aplicación móbil para controlar a desnutrición dos
pacientes COVID até un kit para a detección precoz da doenza,
pasando por ingredientes cosméticos con capacidade antiviral ou a
creación de tecidos para combater bacterias e virus en colchóns.
Asemade,
ofrécese un sistema de control da temperatura en tempo real; un
sistema de nebulización contra virus e bacterias; un punto de
control de acceso e hixiene en instalacións; un dispositivo para o
recoñecemento de xestos destinado a minimizar o contacto con
superficies contaminadas; un sistema de vixilancia de espazos
públicos a través do uso de drons (que permite contabilizar persoas
e medir a distancia entre elas); ou un sistema de medición de
audiencia que estima varios parámetros de persoas captadas por unha
una cámara de utilidade para controlar o uso de máscaras de
protección, a distancia social ou o aforamento.
Outra
das propostas céntrase no deseño dunha ferramenta de espazos
virtuais colaborativos para traballar de xeito seguro. Amais,
seleccionouse un sistema para optimizar a coordinación entre os
distintos axentes en residencias e centros de día; así como unha
solución que permite levar a cabo todos os procesos dunha empresa
desde unha mesma plataforma, evitando o contacto físico e
potenciando o teletraballo.
Durante
cinco meses as 20 empresas beneficiadas recibirán asesoramento
individualizado, capacitación comercial e técnica, ao tempo que se
potenciará a súa capacidade de captación de financiamento e
impulsaranse servizos de fortalecemento comercial. “Trátase de
compañías que xa teñen presenza efectiva no mercado e o que se
busca a través deste programa é fortalecer e maximizar as súas
capacidades de xerar valor social e económico”, informou Conde.
Esta
aceleradora enmárcase nas medidas impulsadas desde a Consellería de
Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de
Innovación (GAIN), para dar resposta á crise sanitaria e que se
materializou no apoio de oito solucións innovadoras promovidas por
pemes e universidades galegas transferíbeis ao sector da saúde, da
industria e do comercio ou a colaboración co primeiro hackathon
virtual en xuño para crear solucións innovadoras que axuden ao
tecido empresarial galego a adaptarse á nova realidade.