Até 20 especialistas participarán no congreso internacional de videoxogos e publicidade da UVigo

xoves, 11 de outubro do 2018 Redacción

Os días 25 e 26 deste mes imos ter na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación unha cita coas posibilidades dos videoxogos para incrementar o noso coñecemento, as nosas habilidades e a nosa capacidade transmitir recursos e datos aos demais. Estamos a falar da primeira Conferencia Internacional de Videoxogos e Publicidade que, segundo informou hoxe a profesora Beatriz Legerén, responsábel do comité organizador do evento, contará coa presenza de 20 especialistas e profesionais ligados á industria do lecer dixital. Os obxectivos, en concreto, pasan por afondar no poder comunicativo e persuasivo dos videoxogos.
O foro, aberto a estudantes de calquera ámbito, ten aberto o seu período de inscrición.
Baixo o título de Comunicación e persuasión, a conferencia vén da man do grupo de investigación Comunicación Persuasiva 2, o grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte) e a asociación científica Icono 14, co patrocinio da Universidade de Vigo, a Vicerreitoría do Campus e o Consello Social da Universidade. En detalle, a cita servirá tamén para comprobar até que punto son válidos os videoxogos para realizar labores eficaces de mercadotecnia, promoción e publicidade.
O catedrático da Universidad Complutense de Madrid Francisco García será o encargado de impartir a conferencia inaugural dun foro que se compón, tamén, dunha interesante serie de mesas de debate: un total de tres.
Na primeira, poranse sobre a mesa aspectos como o advergaming, “xogos que se utilizan como ferramenta publicitaria”, e o emprazamento de produtos e marcas nestes produtos, coa participación da investigadora da Universidade de Valladolid Ana Sebastián, a profesional do desenvolvemento de videoxogos Olaia Ferrando e o guionista Jaime Martínez.
A seguinte mesa porá o foco nos eSports da man do investigador da Complutense e xornalista especializado neste eido Marcos Antón, o investigador da Universidade de Vigo Esteban Canle e Carmen Pumariño, directora de The Cloud Gaming, “a empresa máis importante de eSports amateur de España”, explica Legerén.
Por último, nesta primeira xornada afondarase tamén no potencial dos videoxogos como ferramenta de comunicación da man do coordinador do grao en videoxogos da U-TAD Javier Gayo, a investigadora desta universidade Mercedes García e o experto en localización e tradución de videoxogos Ramón Méndez, un dos impulsores do título propio de especialista en Tradución para a industria do videoxogo da Universidade de Vigo.
Os videoxogos como ferramenta de persuasión e comunicación serán, por outra banda, o eixo da segunda xornada, que contará na súa primeira mesa coa participación das investigadoras María Jesús Abad, da Universidad Rey Juan Carlos, e Lucinda Saldanha, da Universidade do Porto, así como do investigador da Universidade de Aveiro Nelson Zagalo, “especializados no estudo do uso de ferramentas interactivas como obxectos ou produtos persuasivos”, engade Legerén.
Unha segunda mesa porá o foco na fase de creación dos xogos e nela participarán Evelio Sánchez e Rafael Tenorio, responsábeis dunha empresa de arquitectura especializada no deseño de escenografías para videoxogos; Josué Monchán, e a deseñadora de interfaces María Fernández.
Unha sexta mesa porá o foco na industria do videoxogo desde unha perspectiva de xénero. Este debate contará coa participación da profesora María José Rosado, presidenta da Fundación para a Investigación Social Avanzada iS+D, da presidenta da asociación Women in Games España Gisela Vaquero e da investigadora da USC Silvia López.
Así mesmo, a conferencia verase precedida, o mércores 23, pola presentación na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do libro Feminismo del punto medio, por parte de Francisco García e María Jesús Redondo.

PUBLICIDADE