Asus substitúe o touchpad por unha pantalla táctil no ZenBook Pro 15

martes, 5 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A incorporación da Touch Bar no canto das teclas de función nos MacBook Pro recibiuse dun xeito moi crítico hai un par de anos, principalmente polas discutibles vantaxes deste cambio tan drástico, pero dende Asus consideran que as interfaces táctiles en ordenadores portátiles si poden resultar prácticas, e así sorprenden no Computex presentando un novo ZenBook Pro 15 cun ScreenPad, ou sexa, substituíndo o panel táctil do equipo por unha pantalla táctil Full HD de 5,5 polgadas que operaría a xeito de touchpad intelixente.
O ScreenPad ofrece funcións que se adaptan ao que se está a facer a cada momento, de xeito que presenta atallo que aproveitar en Windows 10, como barras de ferramentas para o Office, un lanzador de aplicacións, controis de reprodución musical, unha calculadora, un calendario, un teclado numérico... e incluso a posibilidade de aproveitarse como un monitor secundario, de xeito que podemos mover unha aplicación á que non queremos perder de vista (co correo electrónico ou as nosas redes sociais) mentres traballamos coa pantalla principal.
Deixando a un lado esta innovación, estamos ante un equipo realmente potente, que pode configurar con até un procesador Intel Core i9-8950HK, 16 GB de memoria DDR4, 1 TB de SSD, gráfica nVIDIA GeForce GTX 1050 Ti con 4 GB de memoria, pantalla LED táctil de 15,6 polgadas cunha resolución de 3.840 x 2.160 píxeles, 2 portos USB-C 3.1, 2 portos USB-A 3.1, 1 HDMI, lector de tarxetas microSD, altofalantes Harman Kardon, toma de auriculares/micrófono, teclado retroiluminado, lector de pegadas dixitais compatible con Windows Hello, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, batería cunha autonomía de até 9 horas e media, un grosor de 1,89 centímetros e un peso de 1,88 quilogramos. Tamén soporta o uso de Asus Pen (lapis dixitalizador con 1.024 niveis de presión).
Estamos ante un ordenador que custará bastante máis de dous mil euros e sairá á venda a mediados de xullo, contando tamén cunha versión con pantalla de 14 polgadas a finais de ano, que como mellora contaría cunha autonomía de até 13 horas.

Vídeo de presentación do Asus ZenBook Pro 15

PUBLICIDADE