Asus quere combinar móbil e tablet nun único dispositivo

luns, 30 de maio do 2011 Marcus Fernández

Hoxe botou a andar o Computex en Taipei, e parece que o produto máis rechamante de toda a xornada foi a última novidade de Asus, pois a compañía asiática tivo a ben presentar o seu Padfone, un dispositivo que mestura un móbil Android cun tablet.
O concepto sería unha analoxía ao uso de grandes monitores externos en combinación cun ordenador portátil, de xeito que poderiamos levar sempre connosco un móbil de Asus que, para poder gozar de maior autonomía e dunha maior pantalla podería inserirse nunha carcasa de tablet.
Esta xogada de Asus parece bastante intelixente, pois é ben certo que a meirande parte dos tablets a nivel de hardware non son outra cousa máis que un smartphone con pantalla grande, polo que fusionar ambos dispositivos supón un aforro significativo.
O Padfone está composto por un móbil con pantalla de 4,3 polgadas e unha base-tablet con pantalla de 10,1 polgadas. Polo momento non se detalla a versión de Android que terá este orixinal produto, pero parece probable que o seu lanzamento adíese ata que estea dispoñible una nova versión de Android que fusione as actuais versión 2.x (para móbiles) e 3.x (para tablets) do sistema operativo promovido por Google.


Vídeo promocional do Padfone

Tamén tablet con pantalla 3D

Aínda que os tablets presentados por Asus nos últimos meses non parecen ter atopado un lugar destacado no mercado (en boa medida pola posición dominante do iPad de Apple), o fabricante taiwanés non se rende e quere brillar con luz propia grazas ao seu novo Eee Pad MeMO 3D, que con sistema operativo Android e unha pantalla multi-táctil de 7 polgadas que tamén funciona cunha stylus incluída e que terá como principal atractivo que a súa pantalla será autoestereoscópica, ou sexa, que será 3D sen lentes, co que buscan diferenciarse dos seus competidores.

PUBLICIDADE