Asus presenta un reloxo para medir a tensión e o pulso ao longo do día

martes, 5 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración do Computex en Taipei, Asus presentou o novo VivoWatch BP, que en vez de ser un smartwatch orientado á conectividade móbil ou un reloxo deportivo, busca atender a demanda de certos usuarios preocupados pola súa saúde, xa que facilita a monitorización do pulso e da presión arterial.
Este novo reloxo de Asus combina tecnoloxías de fotopletismografías e electrocardigramas para conseguir medir a tensión arterial en só 15 segundos, permitindo así ter esa información ao longo do día.
O Asus VivoWatch BP tamén mide o pulso, fai un seguimento do sono e conta os pasos dados durante o día, e empregando tecnoloxía HealthAI analiza tal información para achegar consellos para mellorar a saúde (como incrementar a actividade física ou durmir máis).
Un dos detalles máis interesantes deste produto é que a súa autonomía pode chegar até os 28 días, o que facilita a monitorización as 24 horas do día. Cómpre salientar que non estamos ante un produto médico (ou sexa, os datos achegados polo reloxo non deben empregarse para regular o consumo de fármacos) e está previsto que chegue a Europa a partires do mes de agosto a un prezo que podería estar preto dos 169 dólares (144 euros), moito máis barato que o seu máis directo competidor, o Omron HearthGuide (que prevé o seu lanzamento este ano a un prezo de 349 dólares).

PUBLICIDADE