Asus presenta un potente portátil cunha autonomía de ata 12 horas

martes, 12 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

A potencia nos ordenadores portátiles normalmente está rifada coa alta autonomía, pero algún equipo consegue equilibrar ambas virtudes, e Asus presentou no CES un portátil que funciona con dúas tarxetas gráficas (unha potente nVIDIA GeForce 310 e unha básica Intel GMA) de xeito que pode conmutar entre ambas segundo as necesidades a cada momento (o que lembra en boa medida ao Macbook Pro de Apple). Este Asus UL80JT tamén inclúe un procesador Intel Core i7 con 4 núcleos, de aí que sorprenda que sexa capaz de gozar dunha autonomía de ata 12 horas e que vai saír á venda por uns 1.000 dólares.
Este tipo de equipos facilitarían a elección de ordenador por parte do usuario, que non debería elixir entre autonomía e potencia, posto que ambos elementos poden combinarse de xeito óptimo grazas ás máis recentes tecnoloxías de aforro enerxético baseadas no aproveitamento máximo dos recursos dispoñibles.

PUBLICIDADE