Asus presenta novos portátiles cunha pantalla secundaria con funcións de trackpad

luns, 27 de maio do 2019 Marcus Fernández

No marco do Computex de Taipei o director xeral de Asus, Jonney Shih, fixo acto de presenza nun evento especial de prensa para celebrar os 30 anos da súa compañía, aproveitando a ocasión para presentar novos equipos informáticos entre os que destacan especialmente os portátiles ZenBook Pro Duo e ZenBook Duo, que destacan por integrar o ScreenPad Plus, un touchpad intelixente de nova xeración, que adopta un formato de pantalla que ocupa o ancho completo do teclado.
O ZenBook Pro Duo presenta unha pantalla principal 4K (3.820 x 2.160 píxeles) de 15,6 polgadas, mentres que o ScreenPad Plus de 14 polgadas integrado tamén ten resolución 4K aínda que cunha altura inferior (quedando en 3.840 x 1.100 píxeles). Funciona cun procesador Intel Core i9, gráfica nVIDIA GeForce RTX 2060, até 32 GB de RAM, até 1 TB de SSD por PCIe 3.0, portos Thunderbolt 3 de até 40 Gbps, un NumberPad 2.0, Wi-Fi 6, manexo baseado en Alexa e un botón dedicado para activar o turbo-cooling.
O ZenBook Duo, pola súa banda, é un equipo máis modesto, cunha pantalla principal Full HD de 14 polgadas e un ScreenPad Plus Full HD de 12,6 polgadas, procesador Intel Core i7 e gráfica discreta nVIDIA GeForce MX250.
Estes novos ultraportátiles está previsto que cheguen ao mercado no terceiro trimestre do ano.

Os novos equipos de Asus chegan en dous tamaños diferentes

PUBLICIDADE