Assassin’s Creed viaxa á antiga Grecia

venres, 5 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Con Assassin’s Creed Syndicate era evidente o esgotamento da saga de videoxogos que tivo que tomar un descanso para reinventarse en Assassin’s Creed Origins, xogo que trasladaba a acción ao antigo Exipto, mudando substancialmente as súas mecánicas para integrar novidades que buscaban achegar frescura e recuperar a relevancia das primeiras entregas, e agora continúan nesa liña con Assassin’s Creed Odyssey¸ título que se desenvolve na antiga Grecia, ofrecendo un marabilloso mundo aberto cheo de posibilidades e que, pese a chegar moi preto no tempo de Origins, suporá unha pequena pausa na saga, que non terá grande entrega en 2019 para non repetir os fallos de anos anteriores.
Assassin’s Creed Odyssey está xa dispoñible para PC, Xbox One e PlayStation 4, a un prezo oficial base de 69,99 euros para consola e de 59,99 euros para ordenador persoal, existindo tamén numerosas edicións especiais, que en formato físico inclúen extras exclusivos como figuras que resultarán moi atractivas para os incondicionais da franquía.
Este novo xogo non só destaca polo seu basto mundo, senón tamén por contar unha historia na que as decisións a tomar terán importancia, comezando pola elección do protagonista, xa que poderemos optar por encargar a Alexios ou a Kassandra, mercenarios espartanos na procura de vinganza, que interactuarán con outros personaxes, infiltraranse en bases inimigas e utilizarán espadas, coitelos, lanzas e arcos para rematar cos seus inimigos.
Todas estas posibilidades abren a porta a diferentes finais en función do camiño escollido, e aínda que desta volta teremos un xogo que pode lembrarnos máis a The Witcher que a Assassin’s Creed (pois potencia os seus elementos de rol), non esquece detalles como as viaxes e as batallas navais no Exeo, e os elementos estreados en Origins.
Temos un grande título, que como principal dificultade para o éxito ten a proximidade no tempo coa anterior entrega e o ter que competir con grandes lanzamentos nesta campaña de Nadal (como Red Dead Redemption 2 ou Spider-Man, así como os xa habituais shooters e xogos deportivos de cada ano).

Tráiler de lanzamento de Assassin’s Creed Odyssey

PUBLICIDADE