Assassin’s Creed contará cunha nova triloxía de xogos descargables

mércores, 1 de abril do 2015 Marcus Fernández

Ubisoft está a espallar a franquía de Assassin’s Creed por máis localizacións do mundo, onde sitúa custos de Assassins para desenvolver novas historias e que na nova triloxía Assassin’s Creed Chronicles trasladará a acción a China, India e Rusia a través de tres xogos independentes que chegarán en formato descargable a PS4, Xbox One e PC, iniciando o seu lanzamento progresivo o vindeiro 22 de abril.
Este xogo, en vez de ser un dos títulos principais da saga de Assassin’s Creed, pode lembrarnos aos distintos xogos para dispositivos móbiles que saían paralelamente en anos anteriores, incluso na súa mecánica, xa que estamos ante títulos de desprazamento lateral en 2,5D, só que desta volta o acabado dos mesmos está bastante máis coidado.

A primeira historia da triloxía desenvólvese durante a chinesa dinastía Ming

O desenvolvemento desta nova serie corre da man de Climax Studios coa colaboración de Ubisoft Montreal, e iniciarase en China durante a dinastía Ming, pasando logo aos enfrontamentos entre o Imperio Sikh e a Compañía das Indias Orientais en 1841 e rematando no Outubro Vermello ruso. Cadansúa historia será independente, co seu estilo artístico e diferente Assassin protagonista (que serán Shao Jun, Arbaaz Mir e Nikolai Orelov).

Assassin’s Creed Chronicles: India será a segunda historia desta triloxía

Assassin’s Creed Chronicles: China xa pode reservarse en Steam a un prezo de 9,99 euros, agardándose que en breve estea tamén dispoñible para Xbox One e PS4 na súas respectivas tendas de descargas. Este xogo permitiranos descubrir unha nova dimensión do sixilo neste tipo de xogo (instando ao xogador a ocultarse e enganar aos inimigos para poder localizar ao obxectivo, eliminalo e fuxir), gozará de grande liberdade de movementos para superar obstáculos con precisión e escalar con discreción, permitirá rematar cun grande arsenal de artes marciais para eliminar aos inimigos en caso de ser detectado, e poderase mover en 3 planos distintos (frontal, medio e traseiro) para elixir a ruta máis axeitada para avanzar (podendo optar polo camiño máis curto ou por atopar todas as vías posibles e completar así numerosas misións secundarias).

assassin’s Creed Chronicles: Rusia levará a aventura á Rusia de comezos do século XX


Vídeo de presentación de Assassin’s Creed Chronicles

PUBLICIDADE