Assassin’s Creed Syndicate trasladará a acción ao Londres vitoriano

martes, 12 de maio do 2015 Marcus Fernández

Continuando a senda marcada por Assassin’s Creed Unity, Ubisoft presenta o que será a nova grande entrega desta franquía, Assassin’s Creed Syndicate, que dará un salto da Revolución Francesa ao Londres de 1868, onde coñeceremos ao noso Assassin, Jacob Frye, que terá que pórse á fronte dun exército formado por cidadáns das rúas e suburbios para loitar contra os que os explotan na era da Revolución Industrial. Un interesante xiro que converterase en realidade o 23 de outubro para consolas Xbox One e PlayStation 4, mentres que os usuarios de PC deberán agardar un pouco máis para facerse con este título que polo momento só concreta que estaría dispoñible no outono para ordenadores.
Neste novo Assassin’s Creed moverémonos por tellados de fábricas, canellas sórdidas e incluso trens en marcha, mentres lideramos unha banda criminal nunha aventura londiniense que promete acción, intriga e combates brutais.
Actualmente xa é posible reservar o xogo na súa edición estándar por 59,95 euros, recibindo os usuarios que reserven o título en Uplay a misión La conspiración de Darwin y Dickens de balde. A Gold Edition pola súa banda custa 89,95 euros e inclúe o pase de tempada, a misión antes mencionada e un traxe exclusivo de Baker Street.
Assassin’s Creed Syndicate tamén contará con luxosas edicións para coleccionistas, que inclúen extras realmente atractivos. Temos así a The Rooks Edition, que por 71,95 euros inclúe unha caixa de coleccionista, un libro de arte, un mapa de Londres de dobre cara, a banda sonora oficial e 2 misións para un xogador adicionais (que achegan unha hora máis de xogo); A Charing Cross Edition por 91,95 euros enriquecería a anterior cunha figura do cruce de vías de Jacob de 26 centímetros de alto; e finalmente a Big Ben Collection’s Case contaría tamén cunha litografía, un FuturPak exclusivo, unha petaca de calidade e unha figura de 30 centímetros de Jacob coa maquinaria do Big Ben, custando esta luxosa edición 139,95 euros. Esta última edición tamén incluiría o pase de tempada.


Trailer de presentación do xogo

O xogo contará con edicións para coleccionistas moi completas

PUBLICIDADE