Assassin’s Creed Origins estreará o seu modo educativo a semana que vén

martes, 13 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Coas primeiras entregas de Assassin’s Creed non eran poucos os mestres que recomendaban tan violentos xogos como un xeito de achegarse á historia, á arte e á arquitectura, xa que ofrecían visións moi detalladas de cidades como Venecia, Florencia e o Vaticano a finais do século XV, e conscientes desta face da franquía a súa última entrega, Assassin’s Creed Origins recibirá o vindeiro día 20 unha actualización de balde que incluirá o modo Descubrimento do Antigo Exipto.
Deste xeito os xogadores poderán moverse libremente polo Antigo Exipto para vivir unha experiencia educativa na que afondar en detalles da historia e a vida cotiá grazas ao traballo de historiadores e exiptólogos. Este modo céntrase na exploración, fuxindo de conflitos e presións de tempo, de xeito que cadaquén poderá percorrer o Antigo Exipto ao seu ritmo, o que permitirá comprobar a meticulosidade coa que se recreou.
O modo Descubrimento incluirá 75 visitas guiadas seleccionadas por expertos e divididas en cinco temáticas (Exipto, Pirámides, Alexandría, Vida Diaria e Romanos) cunha duración de entre 5 e 25 minutos cada unha.
Aínda que este modo educativo do xogo chegará como actualización de balde do xogo Assassin’s Creed Origins, dende Ubisoft decidiron que tamén o ofrecerán como un produto independente para ordenadores persoais a través de Uplay e Steam a un prezo de 19,99 euros.
Teremos así un xeito orixinal de coñecer a biblioteca de Alexandría, explorar os enigmas da esfinxe, saber máis das momias e os complexos funerarios exipcios e afondar en como eran os fogares do Antigo Exipto, numerosos detalles que grazas á interacción conseguirán callar máis no usuario que se o estivesen a ler nun libro de texto.

O modo Descubrimento permitiranos coñecer o elevado nivel de detalle co que se recreou o Antigo Exipto en Assassin’s Creed Origins

PUBLICIDADE