Assassin’s Creed III ambientarase na Revolución Estadounidense

xoves, 1 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Portada da edición para PC do xogo

Tras rematar a saga de Ezio Auditore a través do Renacemento Italiano e de Constantinopla baixo o Imperio Otomano, Ubisoft asegurou que Assassin’s Creed tería unha nova historia completamente nova que os rumores situaban na Revolución Estadounidense, o que veñen de confirmar dende Game Informer, revista que vai dedicar a súa vindeira portada a Assassin’s Creed III, xogo que terá lugar na segunda metade do século XVIII no Novo Mundo, onde os asasinos e os templarios trasladarán o seu enfrontamento participando nos acontecementos que desencadearon na Guerra da Independencia dos EE.UU.
O protagonista de Assassin’s Creed III será un personaxe totalmente novo, e para introducirnos nas súas aventuras a mencionada revista de videoxogos vai dedicarlle 13 páxinas con imaxes do xogo e ilustracións que da súa fase de deseño, para o que a portada da revista é un grande avance.
Para rematar a faena, tamén vén de publicarse a portada do xogo nas súas versións para Xbox 360, PlayStation 3 e PC, deixando claro o tempo e lugar onde terá lugar esta historia na que o asasino protagonista fará uso de armas como machetes indios e armas de fogo, á vez que conserva a estética característica da saga.

Tapas do vindeiro número da revista Game Informer
A publicación tamén contará cunha edición limitada cunha portada ilustrada por Alex Ross
Así locerán as caixas de Assassin’s Creed III nas súas distintas plataformas

PUBLICIDADE