Asinado un convenio de colaboración entre o CPEIG e o CIE Mans

luns, 23 de maio do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e o Centro de Iniciativas Empresariais Mans (CIE Mans) da Fundación Paideia Galiza asinaron un acordo destinado a regular o seu traballo en común en relación ao CIE Mans e ás condicións vantaxosas que este centro aplicará ás colexiadas e colexiados do CPEIG. Asinaron o convenio o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara.
En virtude desta alianza, as persoas integrantes do CPEIG poderán gozar de descontos para estancias e alugueres, tanto nos servizos de coworking Mans que dispón nos seus centros de A Coruña e Padrón, como en oficinas. Tamén poderán beneficiarse de descontos nas tarifas do alugueiro do Plató de Estudios Mans, un estudo de gravación para impulsar o sector audiovisual e musical en Galicia. O acordo terá unha vixencia dun ano, aínda que se poderá prorrogar automaticamente.
O CIE Mans é un espazo de coworking que busca a promoción e apoio de proxectos empresariais. Achégase como un xermolo e un marco idóneo de traballo para a promoción e desenvolvemento económico, produtivo, social e cultural de sectores empresariais emerxentes e innovadores. Pon á disposición de empresarios e emprendedores un espazo de grandes posibilidades e próximo a outras empresas que desenvolvan actividades complementarias. Os seus obxectivos son “fomentar o intercambio de información e experiencias entre os emprendedores e facilitar o desenvolvemento do tecido empresarial na nosa terra apoiando á innovación nos distintos proxectos empresariais e contribuíndo á creación de emprego en sectores innovadores, diferenciados e estratéxicos”.

PUBLICIDADE