Asgoodasnew pide a fin da obsolescencia programada e lembra que xa hai máis terminais ca persoas

martes, 8 de marzo do 2016 Fernando Sarasketa

Durante o 2014, vendéronse 1.245 millóns de terminais en todo o mundo, mentres que en 2015 a cifra seguiu aumentando até chegar aos 1.433 millóns. A día de hoxe cóntanse no mundo 7.300 millóns de dispositivos, un número que xa supera ao de habitantes do planeta (contando mesmo bebés e nenos). Son cifras reflectidas pola plataforma Asgoodasnew, que aproveita o abraio que provocan estes números para lembrar a importancia de pór en xogo prácticas sustentábeis, rendíbeis e respectuosas co medio ambiente en referencia ás novas tecnoloxías e aparellos. A plataforma tamén tira partido da ocasión para esixir dunha vez por todas o remate da obsolescencia programada, ou sexa a funcionalidade dunha chea de aparellos, introducida pola gran industria para ofrecer vidas útiles reducidas e favorecer o recambio no mercado. Dito doutro xeito: trátase dunha caducidade planificada polos fabricantes.
Segundo apuntan dende Asgoodasnew nun comunicado, a vida real dun teléfono móbil pódese alargar de certo até 5 anos máis do ciclo de vida comercial. Esta é, de feito, a idea sobre a que se apoia a devandita iniciativa e máis o seu portal de venda de móbiles, tabletas, cámaras e obxectos practicamente novos (na súa maioría foron apenas usados e non presentan máis que leves marcas de uso).
Como lembraremos, dende a plataforma os responsábeis da mesma adícanse a mercar trebellos de clientes privados e revisalos e restauralos “para darlles un aspecto renovado”. Estes, recordan, vólvense pór á venda no mercado a un prezo de entre un 30 e un 40% máis baratos respecto ao prezo orixinal de venda, “o que se traduce nun aforro significante”, lembran, ao que tempo que inciden no positivo desta práctica, a de dar segundas vidas e terceiras vidas aos aparellos electrónicos, xa que “é preciso rematar coa mentalidade obsoleta de usar e tirar, porque a fabricación da tecnoloxía que carrexamos nos smartphones e tabletas require de compoñentes altamente contaminantes como plásticos, arsénicos, chumbo, cadmio, zinc, ferro, cobre ou níquel”.
Segundo lembran dende a plataforma, a Unión Europea publicaba en decembro un estudo onde agoira “un aforro espectacular” dos recursos para o ano 2030 de até 600.000 millóns de euros anuais, grazas a modelos de negocio como Asgoodasnew que fomentan a chamada “economía circular”.

PUBLICIDADE