Asesoría Informática Galega lanza un innovador produto de xestión para comercio, hostalaría e autónomos-profesionais

luns, 9 de febreiro do 2015 Redacción

AIG, Asesoría Informática Galega, vén de lanzar un novo produto “áxil e intuitivo” para a xestión empresarial, a versión 6 do programa ClassicGes. Segundo nos contan os responsábeis de AIG, firma emprazada en Vigo e con máis de dúas décadas de experiencia en desenvolvemento de ferramentas para facilitar o día a día empresarial, ClassicGes 6 conta con tres versións, Comercio, Hostalaría e Fabricación-Autónomos-Profesionais. Cada unha delas vén preconfigurada para un diferente sector de actividade, sinala AIG, que para este novo desenvolvemento tirou proveito do éxito colleitado por plataformas previas, como por exemplo as versións anteriores do propio ClassicGes ou as de ClassicConta e ClassicAIR.
Volvendo a ClassicGes 6, dicir que inclúe ferramentas como o Buscador Global, unha funcionalidade situada na propia interface do programa que permite efectuar procuras en calquera intre e mesmo mentres estamos a traballar con outras xanelas abertas e operativas. Tamén se inclúe a ferramenta Facturación Electrónica, que posibilita que os provedores que fornezan bens e servizos aos organismos públicos sexan quen de desenvolver esta actividade acorde á nova lexislación.
O programa tamén permite importar datos doutras aplicacións e ficheiros Excel para “poder traballar dende ou primeiro momento sen que o rendemento da empresa se vexa afectado”, cóntanos AIG, que lembra tamén que o produto deixa unha ampla marxe de mobilidade, xa que podemos tirarlle partido ou conectarnos dende calquera lugar a través de ClassicAIR. Ademais, co pago dunha soa licenza definitiva (79,90 euros) déixase vía libre para a conexión dun número ilimitado de postos.
Para facernos unha idea do alcance deste recurso, AIG ten habilitada unha ligazón específica cunha demostración. Amais, tamén se ofrece un vídeo de presentación.

PUBLICIDADE