As webs oficiais de Brión rexistraron en setembro 15.365 visitas

martes, 2 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O Concello de Brión informa dun novo reconto dos froitos recentes de comunicación, convocatoria e participación cidadá acadados a través das súas páxinas web. En termos concretos, estes sitios en liña (concellodebrion.org, infobrion.com e briondixital.org), duplicaron o seu número de visitas durante o pasado mes de setembro ata chegar ás 15.365 visitas. Así nolo conta o técnico de Novas Tecnoloxías de Brión, Xulio Mallo, quen sinala que “medraron moitísimo as visitas coincidindo coas festas de setembro: o Cabalo, Santa Minia e a Carreira Pedestre, que celebraremos este domingo e cuxas inscricións se están facendo exclusivamente por primeira vez a través da Internet”. Estas inscricións, engade, poden formalizarse a través concellodebrion.org até este martes.
Por certo que as devanditas 15.365 visitas supoñen unha cifra tres veces maior cá rexistrada en setembro dos últimos anos: 5.392 (2009), 5.758 (2010) e 7.381 (2011). “Unhas cifras ás que hai que engadir os máis de 2.700 amigos rexistrados polo Concello de Brión a través de Facebook e os máis de 200 seguidores a través de Twitter”, engade Xulio Mallo.
Máis novidades en liña: un blog de sendeirismo
A maiores do devandito e segundo engade o departamento de Novas Tecnoloxías de Brión, estase a desenvolver arestora un novo blog sobre sendeirismo, que se unirá as dúas máis recentes incorporacións: emprego e biblioteca, cuxa posta en marcha, explica Xulio, tamén axudou a que medrase o número de visitas nos últimos meses. “Nos próximos días”, engade, “imos subir un novo blog, dedicado ao sendeirismo, no que se poderá consultar toda a información sobre as catro rutas dispoñibles en Brión”. O caderno achegará, entre outras cousas, unha presentación xenérica do concello e máis unha serie de recomendacións para a práctica de camiñar polas rutas habilitadas. Asemade, incluirá descricións dos roteiros dispoñíbeis, engadíndose cadansúa ficha técnica coa información máis salientábel dos mesmos.

PUBLICIDADE