As versións base dos novos ordenadores de Apple con M2 teñen unidades de almacenamento máis lentas

mércores, 25 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Coa chegada dos MacBook Air con procesador M2 chegou a polémica por mor do feito de que a versión con 256 GB de almacenamento era moi inferior ás versións con máis almacenamento xa que na versión máis cativa utiliza como almacenamento unha única memoria NAND, mentres que o resto empregan dúas memorias NAND en paralelo, conseguindo dese xeito até o dobre de velocidade, polo que na práctica pasar dun MacBook Air M1 con 256 GB de almacenamento a un MacBook Air M2 coa mesma capacidade podía ser incluso un retroceso en rendemento en función das tarefas que se realicen co equipo.
Agora que chegaron ao mercado os novos Mac mini e MacBook Pro con procesadores M2 esta vergoñenta situación repítese, e un vídeo de Brandon Geekabit desvela que o Mac mini con 256 GB de almacenamento conta cunha única memoria NAND (cando a versión con M1 contaba con 2 unidades NAND de 128 GB) o que faría que este equipo fose entre un 30% e un 50% máis lento en operacións de lectura/escritura que o ordenador da xeración anterior, polo que os usuarios que precisen un almacenamento rápido (algo crucial nos equipos con 8 GB de RAM, xa que fan uso intensivo da SSD a xeito de memoria virtual) farían ben en mercar un equipo con M1 ou optar por unha versión con M2 que teña como mínimo 512 GB de almacenamento.
Os MacBook Pro de 13 polgadas con M2 e 256 GB de almacenamento tamén teñen o mesmo problema, rexistrándose velocidades de disco moi inferiores á dos equipos da anterior xeración ou dos que teñen máis capacidade de almacenamento.
Esta situación é lamentable, non só polo feito de que un produto empeore ao actualizarse a unha nova versión, senón tamén porque Apple non é transparente a este respecto, e no momento de configurar os equipos durante a súa compra debería advertir do impacto que ten a capacidade de almacenamento na velocidade de acceso a disco.

Vídeo no que podemos ver as interioridades do Mac mini con M2

PUBLICIDADE