As titulacións tecnolóxicas e científicas non queren seguir perdendo talento feminino

luns, 11 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo fixo hoxe un chamamento a xuntar forzas para incrementar a presenza feminina nas carreiras científicas e tecnolóxicas, en boa medida para impedir que o progreso da nosa terra fique sen o importante e imprescindíbel talento das mulleres investigadoras. A proclama veu da man do propio reitor, Manuel Reigosa, durante a benvida ás alumnas participantes nas xornadas conmemorativas deste 11 de febreiro (Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia) na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, nas que participaron unhas cen estudantes de terceiro e cuarto de Ensino Secundario Obrigatorio de catro institutos da contorna viguesa.
Nas actividades deste 11 de xaneiro, baixo o título xenérico de Elas fan CienTec, participaron tamén investigadoras sénior e alumnas de diferentes titulacións da Universidade de Vigo, amais das responsábeis das responsábeis da Unidade de Igualdade. O programa incluíu unha manchea de obradoiros destinados a fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mozas.
Na cita tamén interveu a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, quen lembrou que os valores da xornada celebrada hoxe son aínda máis meritorios pois esta tivo a súa orixe no desexo espontáneo das investigadoras consolidadas de tender pontes coas novas xeracións e contribuír a loitar conta a fenda de xénero científico-tecnolóxica.
A carón do reitor e a directora da Unidade de Igualdade, deulles a benvida ás estudantes a docente Soledad Torres, coordinadora dos talleres neste centro, quen coincidiu co reitor ao mostrou a súa preocupación polas importantes contribucións das mulleres ao progreso tecnolóxico que fican no tinteiro pola caída da súa presenza nas carreiras STEM. “Albiscamos con bastante sorpresa a falta de vocacións científicas e, especialmente, tecnolóxicas, das mulleres. Tendes que ser conscientes de que sodes quen, sodes tan capaces ou máis ca os homes”, sinalou o reitor.

PUBLICIDADE